A Xunta e as tres universidades galegas asinan o acordo para impartir os títulos de Grao e Mestrado en IA

martes, 4 de maio do 2021 S. P.

O Goberno galego e as nosas tres universidades asinaron este 4 de maio un histórico acordo para impartir na nosa terra os títulos interuniversitarios de Grao e Mestrado en Intelixencia Artificial. Na formalización da alianza participaron os tres reitores e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que sinalou que estamos ante “dúas titulacións cunha gran demanda e cunha enorme proxección, xa que se agarda que as tituladas e titulados acaden practicamente o pleno emprego, ademais de ofrecer diversas saídas laborais en áreas como a análise de datos, a robótica ou o Internet das Cousas”.
Segundo engadiron os reitores e o presidente, tanto o mestrado como o grao impartiranse nas tres universidades públicas galegas, onde se están a ofertar os graos de Enxeñaría Informática: apostando, no caso do grao, por que os dous primeiros anos sexan comúns; e que nos dous últimos cada centro ou escola aposte por especializarse nunha das diferentes ramas desta disciplina.
O obxectivo é poder ofertar 150 prazas de novo acceso no caso do grao (50 por cada universidade) e unhas 60 prazas de novo acceso no caso do master (20 por centro).
Trala sinatura deste acordo, as universidades comezarán a elaborar as memorias de verificación das titulacións, co fin de comezar a impartilas no curso académico 2022-2023.
Participantes no histórico acto deste 4 de maio
Os tres reitores galegos, Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa asinaron este martes co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o acordo que regula a impartición destes estudos en Galicia. O acto contou como dixemos coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como das vicerreitoras de Titulacións da USC, Maria José López Couso; de Oferta Académica e Innovación Docente da Coruña, Nancy Vázquez Veiga; e do de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, Manuel Ramos.
Segundo fixeron saber, os títulos impartiranse nos centros onde actualmente estanse a ofertar os graos en Enxeñaría Informática en cada unha das universidades: na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e na Facultade de Informática da Coruña.
Planificación conxunta
O acordo asinado subliña a necesidade de “manter unha visión de conxunto á hora de decidir sobre a aprobación e a implantación territorial das novas titulacións” e recolle que a planificación conxunta da oferta do SUG será acordada entre a Xunta de Galicia e as universidade de Santiago, A Coruña e Vigo.
No caso específico de Intelixencia Artificial “considérase importante garantir o equilibrio territorial que facilite o acceso máis xeneralizado posible a este tipo de estudos tendo en conta a súa influencia económica e social nos vindeiros anos”.

PUBLICIDADE