A Xunta e a FEGAMP levarán a Rede CeMIT a tódolos Concellos de Galicia

venres, 30 de abril do 2010 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Modernización maila Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) veñen de anunciar o seu compromiso de colaboración para que a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), constituída a comezos deste mes, “estea presente na maioría dos concellos galegos cun modelo de xestión máis sostible e con capacidade para estenderse a máis concellos”.
Na actualidade, este tipo de aulas públicas de acceso a Internet están a disposición dos veciños e veciñas de 94 concellos galegos, porén a intención do Executivo é ir sumando paseniñamente máis municipios que conten con Centros propios nos que impartir formación en novas tecnoloxías a todos os colectivos sociais, facendo fincapé naqueles con máis dificultades de acceso á Sociedade da Información.
O convenio asinado esta mesma mañá entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira e o presidente da Fegamp, Carlos Fernández, é, segundo apuntan dende a Xunta, “continuar o labor da Rede mellorando o modelo de xestión para facelo máis sostible e posibilitando a súa continuidade”.
A adhesión dos concellos, segundo informan os responsables da iniciativa, levarase a cabo en tres fases: unha primeira que comprendería aqueles municipios que contan cunha aula da antiga Rede de Dinamización da Sociedade da Información, unha segunda que abarcaría aos concellos que dispoñen dun centro da Rede de Telecentros de Comunicación e, finalmente, unha terceira na que se irían sumando as distintas entidades municipais que inicialmente non contaban con ningún centro dos anteriores a disposición da súa veciñanza.

Requisitos
Os municipios interesados en incorporarse á Rede CeMIT, segundo recolle o convenio asinado coa FEGAMP, “deberán dispoñer dun local que cumpra os requisitos técnicos precisos e contratarán ao axente TIC que se ocupará de desenvolver as actividades do centro, achegando a Administración autonómica o 80 por cento do seu custe laboral”.
Asemade, a Xunta tamén se ocupará de dotar de equipamento informático aos centros, así como do mantemento técnico dos mesmos.
Deste xeito, ademais de promover o uso das novas tecnoloxías en tódolos concellos galegos e formar á cidadanía no emprego básico das TIC sen facer excepcións (reducindo así a fenda dixital), a Rede CeMIT vai posibilitar a contratación de máis técnicos informáticos e persoal educador, o que permitirá reducir as listas do paro que tanto preocupan na actualidade.

PUBLICIDADE