A Xunta destinará 12,5 millóns de euros en axudas á innovación empresarial

mércores, 4 de abril do 2012 Redacción

O Consello da Xunta autorizou a convocatoria de axudas á innovación empresarial por 12,5 millóns de euros, ao abeiro de dúas liñas de axudas destinadas a fomentar a investigación e a innovación empresarial e mais a incentivar os investimentos innovadores, especialmente entre as pequenas e medianas empresas, o que supón un incremento orzamentario superior aos 1,5 millóns de euros na convocatoria de 2012 con respecto a de 2011.
Estas axudas enmárcanse no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, nos eixes estratéxicos de innovación como motor de crecemento empresarial e de valorización do coñecemento, nunha convocatoria que suma máis de 32 millóns de euros postos ao dispor da innovación empresarial ao abeiro destas liñas, na lexislatura.
Por primeira vez, estas axudas terán unha tramitación integramente dixital, o que quere dicir que todas as entregas de documentación, desde a solicitude ata a xustificación, se xestionarán vía internet, o que supón un paso adiante na implantación da administración electrónica. Ademais, nestas convocatorias, que se abrirán nos próximos días a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), valóranse especialmente os proxectos que se desenvolvan nas áreas de influencia dos plans impulsa Lugo e Ourense.

Tramitación sen papeis

Tras o encontro do Executivo autonómico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou en rolda de prensa que esta “nova inxección económica” dirixida á innovación empresarial supón un incremento do orzamento do 15% a pesar da crise económica e detallou que se trata de axudas á investigación empresarial e a proxectos emprendedores e que están destinadas fundamentalmente ás pequenas e medianas empresas.
Feijoo explicou que, ademais de aumentar o investimento, as axudas serán máis áxiles porque “se tramitarán de forma absolutamente dixital”, xa que, “se estamos a intentar promover a innovación, o que parece razoable é que as empresas sexa capaces de relacionarse coa Administración pública vía Internet sen papeis para a tramitación destes 12,5 millóns de euros”.
Nas súas declaracións Feijoo comprometeu a vontade de “seguir traballando a pesar das dificultades”, porque Galicia ten os recursos humanos, a planificación e a vontade para facelo. Ademais, expresou a súa confianza en que nas vindeiras semanas se constitúa definitivamente o centro directivo da Administración autonómica que compendiará todas as políticas de innovación, que será a Axencia de Innovación.

PUBLICIDADE