A Xunta confía nas TIC para potenciar o turismo

luns, 2 de febreiro do 2015 Redacción

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o pasado venres o expositor de Galicia na Feira Internacional do Turismo 2015 (FITUR), onde participou na presentación da iniciativa Smart Camiño, que organiza o Goberno galego a través da Axencia Turismo de Galicia, onde destacou que o actual Executivo autonómico apostou desde o primeiro momento polas TIC e as posibilidades que ofrecen para o futuro da nosa comunidade, especialmente dentro do ámbito do turismo, que supón un 10% do PIB galego e o 11% do emprego en Galicia.
Con ese obxectivo, a Xunta puxo en marcha o Plan Smart Turismo, para impulsar a modernización e a competitividade do sector a través das TIC. Un dos piares deste Plan é o proxecto Smart Camiño, un bo exemplo de acción baseada no fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías.
Este proxecto adapta o Camiño de Santiago ao século XXI e aumenta a calidade da experiencia, ao por a disposición dos peregrinos unha aplicación móbil que lles permite ir recibindo información a medida que avanzan cara a Compostela.
Así, por exemplo, esta app advirte aos camiñantes das oportunidades turísticas e comerciais de cada lugar por onde pasan, oriéntaos sobre cambios meteorolóxicos e informa de albergues próximos ou eventos que coincidan co seu paso. En definitiva, Smart Camiño trata de responder ás novas demandas con novas solucións, abrir novos mercados e conectar Galicia cos seus visitantes.

PUBLICIDADE