A Xunta centralizará dixitalmente a información das xestions da cidadanía coa Administración

luns, 22 de xullo do 2024 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que a Xunta vai destinar 5 millóns de euros á posta en marcha dun nodo de datos cidadán que concentrará toda a información sobre o cidadán e as súas relacións coa administración nun único punto. Aplicará tecnoloxías intelixentes para simplificar o acceso a toda Administración dixital e facilitar servizos adaptados ás necesidades de cada persoa, se así o autorizan.
O desenvolvemento deste novo espazo dixital permitiralle á Administración ter unha visión unificada e completa dos datos xerados polas persoas nas súas relacións coa Administración e facilitaralles aos galegos e galegas as súas xestións en liña coa Administración, simplificando o acceso aos servizos dixitais desde un único punto, así como as consultas sobre o estado dos trámites ou a modificación dos seus datos.
Con este obxectivo, a carpeta cidadá da sede electrónica evolucionará para converterse no punto de acceso a todos os trámites dos cidadáns coa Administración e o lugar en que atoparán toda a información relativa a eles, independentemente do departamento ou da unidade con que os xestione. Deste xeito, os cidadáns poderán realizar actualizacións dos seus datos unha soa vez, evitando ter que comunicalo a diferentes departamentos.
Ademais, esta iniciativa avanza na identificación dixital da cidadanía, poñendo en marcha un rexistro único que permitirá unha identificación unívoca do cidadán, independentemente do sistema que empregue (Chave 365, Cl@ve, certificado dixital, DNIe) ou do departamento co que realice a xestión.
O contrato, que conta con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia–financiado pola Unión Europea-NextgenerationEU, licitarase nos vindeiros días cun valor estimado de 5.005.044 euros. “A previsión é que as primeiras funcións da nova plataforma estean en funcionamento no segundo semestre de 2025”, indicou Calvo.