A Xunta aproba un Plan de Medidas Urxentes no ámbito das TIC

xoves, 9 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Consello da Xunta no que se aprobou o PMU

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan TIC de Medidas Urxentes (PMU) a través do que se destinarán 8,34 millóns de euros ata finais de 2010 para garantir a aplicación efectiva das TIC na Administración autonómica, establecendo como prioridades as actuacións específicas no eido da Xustiza, a definición do modelo de e-Goberno de Galicia e a ordenacións das actuacións en materia de telecomunicacións.
O PMU é o primeiro paso na planificación estratéxica global no ámbito tecnolóxico da Xunta de Galicia, tendo en conta mecanismos de control que permitan optimizar o investimento e o gasto en tecnoloxía nun marco de austeridade e mellora na eficiencia dos fondos públicos.
Identifícanse 6 proxectos estratéxicos para esta lexislatura, sobre os cales xa se está a traballar, e que se inician de xeito inmediato, fixan as prioridades de actuación: o modelo de e-Goberno de Galicia, os servizos multicanle e as plataformas de colaboración, o Plan de sistemas de Xustiza, o sistema de información e xestión de persoal da Administración autonómica, a consolidación dunha plataforma corporativa de sistemas e continuidade de servizo e, finalmente, o Plan director de telecomunicacións de Galicia.

Despois do Consello, o presidente A. Núñez Feijoo explicou á prensa as medidas aprobadas

En relación coa aplicación das TIC na Xunta, o plan prevé medidas orientadas a establecer modelos de coordinación en materia tecnolóxica; a optimizar e fortalecer as infraestruturas tecnolóxicas que dan soporte ao funcionamento dos diferentes departamentos; á definición dunha estratexia corporativa de portais web e plataformas de colaboración; ao deseño dun modelo de e-Administración coordinado cun plan de modernización da Administración pública; e ao deseño no eido da xustiza dun Plan TIC sectorial que dea resposta a un novo modelo de oficina xudicial.
¿Adeus ao Software Libre?
Pese a que non coñecemos con profundidade o PMU, dende a Ciberirmandade da Fala adiántanse a denunciar que os proxectos tecnolóxicos do bipartito desaparecen completamente sen alternativas concretas que os substitúan, de xeito que se diría adeus a iniciativas coma Mancomún, Galinux ou a Rede de Dinamización, pois a derrogación do PEGSI a favor do Plan Estratéxico Global (que se licitará este mes) podería condenar á desaparición ás iniciativas a prol do software libre mencionadas.
De todos os xeitos, estas apreciacións parecen ser precipitadas, xa que aínda non está publicado o Plan Estratéxico Global, así como a postura que tomará a Xunta con respecto do software libre, pois o único que se desprender polo momento é que o PEGSI non cumprirá o seu plan de execución ata 2012.

PUBLICIDADE