A Xunta aproba o Plan de Banda Larga 2020

xoves, 1 de outubro do 2015 Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan de Banda Larga de Galicia 2020, asumindo así os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de, cando menos, 30 Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100 Mbps. Para acadar estes obxectivos serán chave os despregamentos de infraestruturas de telecomunicacións realizados pola Xunta nos últimos cinco anos, que permitiron universalizar o acceso á banda larga de cando menos 2 Mbps e que a metade da poboación dispoña da posibilidade de acceso a redes de nova xeración de até 200 Mbps.
A rápida evolución das tecnoloxías require, ademais dunha cobertura universal, velocidades de banda larga moito máis elevadas para garantir o acceso e o emprego de novos e cada vez máis sofisticados servizos dixitais, de aí a necesidade da posta en marcha o Plan de Banda Larga 2020, que mobilizará 46 millóns de euros, entre financiamento público e privado. A este orzamento engádese o investimento previsto polo Estado de 44 millóns de euros en Galicia dentro do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración, que xunto co investimento privado inducido por esta medida, suporán máis 100 millóns de euros de en cinco anos no impulso, e o despregamento e adopción de redes ultrarrápidas en Galicia .
O plan da Xunta establece un conxunto de medidas en tres itinerarios: innovación, eficiencia e intelixencia.

Innovación

O primeiro itinerario recolle as accións orientadas á planificación, modernización e ampliación das infraestruturas de redes ultrarrápidas, para promover o acceso á banda larga de alta velocidade para todos.
A primeiros de 2016 abrirase a primeira convocatoria pública para incentivar os despregamentos de redes de 100 Mbps co obxectivo de que en 2020 dispoñan destes servizos todos os núcleos de máis de 500 habitantes, o 60% da poboación da Comunidade. O plan dotará tamén de redes ultrarrápidas destas velocidades o 55% dos polígonos e parques empresariais (un total de 91), o que supón case o 90% da superficie empresarial ocupada en áreas empresariais de Galicia.
A seguinte convocatoria estará destinada aos despregamentos de redes de 30 Mbps para conseguir que a práctica totalidade da poboación (96 %) e todos os polígonos e parques empresariais dispoñan desta cobertura de banda larga ultrarrápida.
Para o 4 % restante, a porcentaxe de poboación das zonas máis illadas da Comunidade, executaranse medidas de apoio para que poidan acceder vía satélite.

Eficiencia

O segundo dos itinerarios do plan abarca o desenvolvemento de actuacións que faciliten a coordinación dos axentes implicados para garantir unha rápida e ampla extensión de redes de banda larga de alta velocidade.
Entre as actuacións previstas están a definición dun modelo de ordenanza municipal de telecomunicacións que promova a homoxeneidade e simplificación dos trámites necesarios nos despregamentos; a elaboración dunha serie de recomendacións comúns para a inclusión das infraestruturas de banda larga nos instrumentos de planeamento urbanístico, así como a posta a colaboración co resto de administracións públicas para a identificación centralizada das infraestruturas útiles para os despregamentos de redes.

Intelixencia

O terceiro itinerario oriéntase estimular a demanda de servizos de banda larga incrementando así o número de usuarios conectados á rede.
Deste xeito, en aliñamento coa estratexia de inclusión dixital, impartiranse cursos formativos específicos para aumentar a capacitación dixital da cidadanía e empresas. E, pola súa vez, continuaranse a desenvolver actuacións de sensibilización e difusión sobre a utilidade dos servizos de banda larga, así como de impulso ao desenvolvemento de servizos e solucións dixitais atractivas para os usuarios.

Declaracións do presidente da Xunta

O presidente da Xunta explicou que continuar mellorando as condicións de acceso dos galegos á banda larga é un dos máis importantes compromisos do Goberno autonómico no eido das tecnoloxías. Así, despois do esforzo histórico realizado para estender a banda larga ao conxunto dos galegos, agora búscase ir máis alá porque, segundo Núñez Feijoo, ese compromiso non só pode medirse na cantidade de persoas que teñen acceso a banda larga, senón tamén na calidade dese acceso.
Para o titular do Goberno galego, os últimos anos foron fundamentais para dar un salto cualitativo importante no que atinxe á cantidade de galegos con acceso a banda larga. De feito, da situación que había a principios de 2009, con máis de 786.000 galegos sen acceso a Internet, pasouse a que a práctica totalidade dos galegos, dos servizos públicos e os parques empresariais de Galicia conten con acceso de polo menos 2 Mbps de velocidade a través de redes fixas, sen fíos ou vía satélite.
Núñez Feijoo puxo en valor así o traballo dos últimos cinco anos pero fixo fincapé na importancia de seguir traballando para garantir a máxima calidade do acceso á banda larga, algo que garantirá o Plan aprobado hoxe, a través do cal se asumen os compromisos de dar cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a práctica totalidade da poboación, así como servizos de banda larga por riba dos 100 Mbps para os núcleos de poboación de máis de 500 habitantes, ou o que é o mesmo, para o 60% dos galegos.

PUBLICIDADE