A Xunta anuncia a próxima presentación dun plan galego de acendido dixital con prazos realistas para a implantación da TDT

venres, 26 de xuño do 2009 Xosé María Fernández Pazos

Alfonso Cabaleiro na súa comparecencia para anunciar o futuro plan galego de implantación da TDT

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, anunciou que o Goberno galego traballa na elaboración dun Plan Galego de Comunicación e Acendido Dixital que se presentará nas vindeiras semanas. Segundo avanzou o secretario xeral de Medios ante a comisión parlamentaria, será un plan realista para a transición dixital coa máxima colaboración cos concellos, buscando chegar ao máximo posible de cobertura dixital nos prazos máis curtos de tempo e na procura de que non haxa desigualdades dixitais por razóns xeográficas.
Alfonso Cabaleiro destacou na súa comparecencia parlamentaria que o anterior Executivo autonómico non preveu, na elaboración dos orzamentos do ano 2009, os fondos correspondentes á Comunidade Galega para acometer a fase II e III da implantación da TDT.
Segundo a información facilitada o bipartito gastou noutros conceptos 98 millóns de euros que estaban destinados a infraestruturas de telecomunicacións.
Cabaleiro explicou que, o 10 de outubro de 2008, o Estado prestou á comunidade autónoma galega 98 millóns de euros a devolver en 12 años sen xuros para financiar diferentes infraestruturas de telecomunicacións. Deles, 93 terían que destinar a ofrecer servizos de banda larga en zonas onde a oferta de ADSL ou cable non chega por non ser rendible economicamente e os 5 restantes irían directamente á extensión da TDT. Cando iniciamos os trámites correspondentes ante a Dirección Xeral de Orzamentos para xerar os cinco millóns de euros da TDT, afirmou Cabaleiro, se nos di que o diñeiro do préstamo foi gastado na súa totalidade no ano 2008 noutros conceptos, non só os 5 millóns correspondentes á TDT, senón tamén os 93 restantes que tiña que xestionar a Consellería de Industria.
Para o vindeiro 1 de xullo estaba prevista a primeira fase do apagamento analóxico en Galicia que afectaba a Santiago de Compostela e comarca e Ourense leste. Ese día máis de 500.000 habitantes terían que pasarse obrigatoriamente á televisión dixital. Agora ante a nova circunstancia prodúcese un retraso no apagamento analóxico á espera da seguinte fase, o 31 de decembro, que afectará ás zonas de Ferrol e A Coruña que toman o sinal de Ares e Ourense do Monte Meda, se ben a falla de dotación económica podería retrasar a mesma.

PUBLICIDADE