A Xunta adopta o dominio .gal para a súa presenza na Rede

mércores, 13 de maio do 2015 Marcus Fernández

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que regula a organización da presenza na Internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, consolidando o uso do dominio .gal para as súas iniciativas na Internet, de xeito que as páxinas web institucionais adoptarán o dominio .gal e estruturaranse ao redor de xunta.gal como porta de entrada para todos estes espazos na Rede.
Dende a entrada en vigor do presente decreto, todas as novas iniciativas web da Administración galega deberán facer uso do dominio .gal, o que estenderase tamén ao correo corporativo, que configúrase como o dominio de uso xeral e único para toda a Administración autonómica, realizándose a adaptación ao novo dominio de xeito paulatino durante un prazo de dous anos.
Con esta medida a Xunta quere recoñecer a oportunidade que o dominio .gal pode supor para o posicionamento de Galicia e da lingua galega na Internet, o que foi posible grazas ao esforzo conxunto da sociedade galega apoiando a iniciativa da Asociación PuntoGal que concretouse nun dominio para a lingua e a cultura de Galicia que o pasado 25 de xullo activou as súas primeiras páxinas web consideradas pioneiras, e que nos últimos días superou os 2.000 dominios rexistrados, cantidade que agárdase que este mes se vexa incrementada considerablemente grazas á promoción que facilita o rexistro por un prezo máximo de 25 euros + IVE.

O .gal dá a coñecer Galicia no mundo

JPEG - 97.7 KB
Núñez Feijoo tras o Consello da Xunta celebrado hoxe

Precisamente a Xunta foi unha das entidades pioneiras que activou nove dominios .gal na Internet; “e, agora, a iniciativa institucional volve a estar garantida para que se consolide, con esta decisión de que o .gal sexa o dominio de referencia da Administración pública”, comentou o presidente Núñez Feijoo na rolda de prensa tras o Consello da Xunta. Tamén afirmou que o .gal é unha oportunidade para dar a coñecer Galicia no mundo; “unha oportunidade que debemos aproveitar todos os galegos e que vai aproveitar a Xunta”.

PUBLICIDADE