A Xbox Series X chegará con 1 TB de almanamento SSD

luns, 16 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A vindeira consola de Microsoft, coñecida polo momento como Xbox Series X, está cada vez máis preto de ser unha realidade, e despois de que hoxe desvelasen a súas especificacións técnicas e os seus compoñentes internos, temos que practicamente as únicas incógnitas sobre esta máquina son a data e prezo de lanzamento, xunto con seu catálogo de xogos de saída.
Os apuntes realizados hoxe confirman que estamos ante unha consola moi potente, capaz de correr xogos en 4K a 60 imaxes por segundo sen que os desenvolvedores teñan que realizar concesións, sendo incluso posible que algúns xogos poidan correr a 120 fotogramas por segundo. Esta grande potencia conseguiríase grazas a un procesador AMD Zen 2 de 8 núcleos (fabricado con tecnoloxía de 7 nanómetros) cunha gráfica RDNA 2 cunha potencia de 12 TFLOPS.
A consola estaría equipada con 16 GB de RAM GDDR6 e con almacenamento SSD NVME de 1 TB que podería ampliarse mediante unha tarxeta de expansión de 1 TB de almacenamento, soportando tamén discos duros externos USB 3.2 e integrando unha unidade Blu-ray 4K (como xa fan as actuais Xbox One S/X).
A consola faría un especial fincapé na velocidade, minimizando todos os retardos posible, dende os periféricos (o retardo das teclas do mando sería duns 2 milisegundos) até a pantalla (soportando HDMI 2.1 con tecnoloxías de baixa latencia, sincronización instantánea con velocidade de refresco variable e velocidades de refresco de até 120 fotogramas por segundo), apoiando todo nun software orientado precisamente nesa axilidade de caracterizará á nova xeración de consolas. De feito, aseguran ter colaborado cos principais fabricantes de televisores durante os últimos dous anos para garantir que o ecosistema da electrónica de consumo estea listo para este novo escenario, polo que atoparemos televisores capaces de funcionar duns xeitos que até o momento só podían conseguirse en monitores gaming.
Aparte de grandes velocidades de carga e reducidos tempos de resposta, a nova Xbox presume moito da nova tecnoloxía de Quick Resume, que permitirá deixan en suspensión varios xogos para continuar as partidas máis adiante case ao instante, podendo incluso saltar rapidamente entre os mesmos, evitando así os longos procesos de carga que antes eran necesarios para iniciar unha partida. Estes estados da consola almacénanse na unidade SSD da mesma, de xeito que é posible reiniciar a máquina e incluso instalar actualizacións sen perder estes estados que permitan retomar as partidas a grande velocidade, o que posiblemente sexa unha das características que máis agradecerán os usuarios.
Outro elemento polo que destacou Microsoft nos últimos anos, e sobre o que continuará esforzándose é na retrocompatibilidade, prometendo que a nova Xbox poderá reproducir xogos da Xbox orixinal, de Xbox 360 e de Xbox One, e moitos títulos incluso recibirán melloras para que nas máquinas máis potentes poidan ter unha experiencia de xogo superior (sen precisar da adquisición dunha versión remasterizada). Nesta liña tamén teñen unha funcionalidade chamada Smart Delivery, que consiste en que os xogos de Xbox adquiridos que teñan esta prestación activada (algo ao que xa se comprometen os estudios de Microsoft) poderán gozar sempre da versión dos xogos para a consola máis moderna, ou sexa, que durante os vindeiros meses poderemos mercar os últimos lanzamentos de Xbox One, e cando merquemos a nova consola teremos a versión deses xogos para a máquina máis potente sen ter que volver pasar por caixa, o que é unha grande tranquilidade para os usuarios, especialmente nos vindeiros meses, xa que veremos o lanzamento de multitude de xogos interxeneracionais.
Outro detalle moi importante da nova consola é o seu mando, que tamén se presentou detalladamente, e podemos definilo como unha actualización do mando da Xbox One S/X, pero incorporando elementos do mando Elite (o que percíbese especialmente se vemos o deseño da nova cruceta dixital). O mando tamén mudou lixeiramente a súa forma para acomodarse a mans de distintos tamaños, de xeito que non sería preciso mercar mandos de tamaño reducido para o seu uso por parte de cativos. E como boa nova temos que estes novos mandos son compatibles con Bluetooth de baixa enerxía (serán compatibles con ordenadores e dispositivos móbiles) e tamén poden cargarse e conectarse a equipos por USB-C.
Tamén incluirán un botón de compartir, atendendo ás tendencias dos xogadores que queren capturar momentos e compartilos ao instante cos seus amigos a través das redes sociais, o que poderá realizarse con maior axilidade. E como último detalle temos que incluso mudou a súa textura e acabado, facilitando un mellor agarre, e un tacto máis agradable, suma de detalles que farán que a Xbox Series X poida ser bastante ben recibida por moitos xogadores que continúan a pensar que as consolas domésticas de videoxogos teñen moito futuro e son unha opción de lecer electrónica máis sinxela e asequible que, por exemplo, os ordenadores persoais.

Vídeo no que desvelan numerosos detalles da vindeira Xbox Series X

PUBLICIDADE