A Xbox One tamén presentou incidencias no seu lanzamento

venres, 22 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Sergio Ramos e Cesc Fábregas durante a festa de lanzamento da Xbox One

O lanzamento da PlayStation 4 nos EE.UU. estivo ensombrecido por un par de incidencias consistentes nun fallo no conector HDMI dun pequeno número de unidades e unha máis preocupante aparición de consolas que chegaron aos seus compradores defectuosas, para frustración dos seus compradores, que pese a ser early adopters non poden gozar da nova máquina nas primeiras horas. Pois agora que a Xbox One se estrea comercialmente parece que acontece algo semellante, e aínda que as incidencias parecen bastante menos que coa consola de Sony, están a aparecer usuarios informando de que o lector óptico da súa consola nun funciona.
Dende Microsoft non parecen ter dado explicacións oficiais sobre estes problemas, limitándose a dicir que no lanzamento da Xbox One están a vender un grande volume de unidades (falan de máis dun millón de unidades en 24 horas), polo que é posible que xurdan incidencias ás que estarán encantados de atender a través de distintas canles (entre as que cada vez están máis activas as redes sociais). É de agardar que, como xa aconteceu en situacións semellantes, Microsoft solucione o problema a través do seu servizo técnico, probablemente substituíndo as unidades ópticas defectuosas.


Vídeo no que podemos ver o fallo no lector de Blu-ray da Xbox One

PUBLICIDADE