A Xbox One estrea sintonizador de TDT en España

martes, 21 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Cando se presentou a consola Xbox One resultaba evidente que estaba orientada ao mercado norteamericano por elementos como contar cunha entrada HDMI para poder coller o sinal de sintonizadores de televisión por cable sobre o que presentar contidos enriquecidos, pero a partir de hoxe este tipo de prestación está ao alcance do público español, xa que Microsoft pon á venda un sintonizador de TDT a un prezo de 29,99 euros.
Co sintonizador de televisión dixital terrestre a Xbox One permite que se poida gozar de canles de televisión mentres se xoga a pantalla partida (algo bastante atractivo cando estamos a agardar a alguén nunha partida multi-xogador), facer pausa en directo das transmisións televisivas (de xeito que unha interrupción non fai que nos perdamos parte da emisión que estamos a seguir), consultar a gúia de televisión en pantalla, poder gozar da guía de programación a través de dispositivos SmartGlass e poder acceder a contidos baixo demanda.
Este accesorio é compatible con emisións DVB-T, DVB-T2 e DVB-C (ou sexa, que funciona tanto coa TDT como co sinal en aberto de operadores de cable como R) e para poder empregar a funcionalidade de pausa en directo da televisión precisa de até 4 Gb de almacenamento interno.


Vídeo de presentación do sintonizador de TDT para Xbox One

PUBLICIDADE