A Xbox One estrea aplicación de Amazon Prime Video

martes, 31 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O servizo Amazon Prime Video está a piques de cumprir un ano de vida en España, pero esta plataforma de vídeo baixo demanda para subscritores de Amazon Prime chegou cunha carencia moi importante: case era imposible de acceder á mesma fóra do ordenador e de dispositivos móbiles, en boa medida por culpa da política de Amazon de oporse a dispositivos como o Chromecast de Google (xa que compiten cos mesmos con hardware propio nalgúns países). Pero o problema foi solucionándose paulatinamente, e tras o lanzamento de aplicacións en bastantes Smart TV, chegou a quenda das consolas de videoxogos, que tamén son un xeito moi efectivo de levar os contidos audiovisuais ao televisor do salón.
En setembro Amazon Prime Video estreou aplicación oficial para PlayStation 4, e agora acontece o propio para Xbox One, de xeito que a consola de Microsoft pode empregarse para reproducir series de televisión, películas e outros contidos desta plataforma audiovisual que cada día ten máis material en español.
Este lanzamento non se limitou ao mercado español, senón que a aplicación de Amazon Prime Video chegou hoxe tamén a Canadá, México, Francia, Italia e India, como anticipo a unha dispoñibilidade global da aplicación o vindeiro 7 de novembro.
Esta aplicación é especialmente atractiva para usuarios dunha Xbox One S ou Xbox One X, xa que conta con contidos en ultra alta definición, facilitando así que quen teña un televisor compatible poida gozar de contidos cun grande nivel de detalle. Espérase que en breve (antes de rematar o ano) a aplicación de Amazon Prime Video tamén chegue a Apple TV, especialmente agora que existe unha versión 4K do dispositivo.

PUBLICIDADE