A Xbox One consegue superar en vendas á PS4 en EE.UU. e Reino Unido

venres, 12 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Parecía que a guerra de consolas na presente xeración ía comezar cun claro gañador, a PlayStation 4, despois de que a Xbox One tivese un mal comezo por mor do seu elevado prezo, pero tras a eliminación do sensor de Kinect da consola, que equiparou os prezos de ambos produtos, e as ofertas puntuais de Microsoft, a situación comeza a corrixirse, e por fin a Xbox One vende máis que a PS4 nos EE.UU.
Se ben as vendas da Xbox One foron impresionantes durante o Black Friday (cando chegou a venderse con varios xogos por só 329 dólares), durante todo o mes de novembro tivo unha rebaixa de 50 dólares nos EE.UU. que foi suficiente para provocar unha importante suba nas vendas no territorio norteamericano, de xeito que conseguiu colocar 1,2 millóns de unidades durante tal mes, superando á PS4 e á Wii U xuntas, o que supón un excelente comezo da campaña de Nadal, e que pode compensar as malas vendas iniciais da máquina de Microsoft, o que claramente beneficiará aos usuarios de todo o mundo, por manter certa competitividade no mercado (pois nos últimos meses Sony parece ter mantido un perfil baixo en vista da súa cómoda posición actual).
As vendas da Xbox One non só están a ir moi ben nos EE.UU., senón que tamén acontece o mesmo en Reino Unido, dando a impresión de que as máquinas de Microsoft van recuperar a posición líder que tiñan coa Xbox 360 en ambos territorios, mentres que en países como España ou o Xapón as consolas de Sony continúan a estar moi por diante da competencia.

PUBLICIDADE