A Xbox One chegará cun FIFA 14 debaixo do brazo

martes, 20 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os usuarios que reserven a Xbox One en Europa recibirán de balde o xogo FIFA 14

Hoxe botou a andar en Colonia a feira de videoxogos máis importante de Europa, a Gamescom, que desenvolverase até o vindeiro domingo, e no que medios especializados e usuarios (para os que abriranse as portas o xoves) poden facer un achegamento ás novas consolas domésticas que estrearanse de cara á campaña de Nadal.
Podemos dicir que é a primeira ocasión na que este encontro acada tal repercusión, pois a pasada edición do E3, que tería que servir para que Sony e Microsoft puxeran as cartas sobre a mesa, saldouse cun borrón e conta nova por parte da compañía de Redmond, polo que as condicións nas que a Xbox One e a PlayStation 4 chegarán ao mercado non se coñeceron con profundidade ata hoxe, cando as compañías detallaron prezos, datas e catálogo de lanzamento de cadansúa consola.

Distintos xogadores de lenda estarán dispoñibles en exclusiva na versión para consolas de Microsoft do FIFA 14

Unha vez máis tocoulle a Microsoft ser a primeira en amosar a súa oferta, conseguindo que a Xbox One sexa a plataforma máis forte no seu lanzamento grazas a un bo conxunto de exclusividades e de sorpresas que incluso fixeron que sentisen envexa ao outro lado do atlántico, pois entre as novidades da nova consola destacaba o feito de que os consumidores que a reserven recibirán de balde o xogo FIFA 14, que non só vai destacar na Xbox One, senón que tamén na Xbox 360 vai agochar unha interesante exclusividade de Microsoft: no Ultimate Team estarán dispoñibles xogadores de lenda como Pelé, Patrick Viera, Freddie Ljungberg, Ruud Gullit e Gary Linekar. Unha grande nova para os seareiros do fútbol que queiran ver como se desenvolverían xogadores clásicos ante xogadores actuais ou incluso permitindo que unan forzas Messi e Pelé para superar as defensas do equipo contrario.
Os usuarios da Xbox 360 poderán mercar o xogo FIFA 14 a partir do 27 de setembro, estando tamén dispoñible nun paquete xunto coa consola, mentres que os que desexen gozar do título para Xbox One terán que esperar a que a consola chegue ás tendas en novembro.


Vídeo de presentación dos xogadores de lenda no FIFA 14 para as consolas de Microsoft

Rico catálogo de lanzamento


Killer Instinct é un dos xogos exclusivos que estrearanse coa Xbox One

O catálogo inicial da Xbox One (aos que se sumarán moitos outros títulos nos vindeiros meses) será moi nutrido, tanto en títulos de peso como en estudios que apoian á consola de Microsoft, confirmándose que dende o primeiro día poderanse mercar os seguintes xogos: Assassin’’s Creed IV Black Flag (Ubisoft, Ubisoft), Battlefield 4 (DICE, Electronic Arts), Call of Duty: Ghosts (Infinity Ward, Activision), Crimson Dragon (Grounding/Land Ho!, Microsoft Studios), Dead Rising 3 (Capcom Vancouver, Microsoft), FIFA 14 (EA Sports, Electronic Arts), Fighter Within (AMA Ltd., Ubisoft), Forza Motorsport 5 (Turn 10 Studios, Microsoft Studios), Just Dance 2014 (Ubisoft Paris, Ubisoft), Killer Instinct (Double Helix, Microsoft Studios), LEGO Marvel Super Heroes (TT Games, Warner Bros. Interactive), Lococycle (Twisted Pixel, Microsoft Studios), Madden NFL 25 (EA Sports, Electronic Arts), NBA 2K14 (Visual Concepts, 2K Sports), NBA LIVE 14 (EA Sports, Electronic Arts), Need for Speed: Rivals (Ghost Games, Electronic Arts), Peggle 2 (Popcap, Electronic Arts), Powerstar Golf (Zoe Mode, Microsoft Studios), Ryse: Son of Rome (Crytek, Microsoft Studios), Skylanders: Swap Force (Vicarious Visions, Activision), Watch Dogs (Ubisoft Montreal, Ubisoft), Zoo Tycoon (Frontier Developments Ltd., Microsoft Studios) e Zumba Fitness: World Party (Zoë Mode, Majesco).

Call of Duty: Ghosts recibirá os seus contidos descargables en primicia para as consolas de Microsoft

Aínda que sobre os xogos destaquen que do catálogo de xogos de Xbox One o 38% sexan títulos exclusivos e o 37% correspondan a novas propiedades intelectuais, un dos elementos nos que está a esforzarse máis Microsoft é en conseguir que os xogos multi-plataforma conten con contido exclusivo (aínda que sexa por tempo limitado) para a súa consola, e como claro exemplo temos que Call of Duty: Ghosts recibirá os seus DLC para Xbox 360 e Xbox One que para as máquinas da competencia, destacándose que a experiencia multi-xogador poderá ser mellor na Xbox One grazas aos servidores na nube de Xbox LIVE.

Espazo para os indies


A franquía Fable estreará cooperativo na Xbox One

A Xbox One non só contará con grandes xogos como Fable Legends (estrea da saga de Lionhead Studios na nova xeración innovando coa incorporación dun modo cooperativo), senón que tamén estará aberta aos desenvolvedores independentes a través dun programa que axudará a achegar os xogos innovadores á nova consola, corrixindo así unha política que comunicaran previamente (segundo a que Microsoft esixiría editores para publicar xogos na súa tenda de descargas).
A Xbox One destacará na súa portada distintos xogo sen importar quen os desenvolva, entre os que figurarán unha serie de Tendencias (os títulos que están a xogar os nosos amigos e a comunidade de usuarios), de Recomendacións (destacando novidades en función do uso que fagamos da consola habitualmente) e de Destacados (elixidos por Microsoft, para destacar os que consideran que son os mellores xogos); reservando tamén un espazo para as capturas de vídeo dos xogos e os logros e desafíos.
Os desenvolvedores independentes non só poderán facer xogos sinxelos, senón que terán aberta toda a plataforma de Microsoft, podendo facer uso de Kinect, SmartGlass, modos multi-xogador, logros, servizos na nube... polo que é de agardar que poidamos recibir algunhas sorpresas que vaian máis aló dos destacables títulos independentes que fixeron historia na actual xeración.


Vídeo no que destacan o forte catálogo de xogos para Xbox One

PUBLICIDADE