A Xbox One X sairá á venda o 7 de novembro a un prezo de 499 euros

luns, 12 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A pasada noite Microsoft celebrou a súa grande presentación dentro da feira de videoxogos E3, onde por fin presentouse a nova consola de videoxogos coa que a compañía de Redmond quere pórse en cabeza, e que até o momento coñecíase polo nome chave de Project Scorpio, a Xbox One X.
Aínda que boa parte das especificacións da Xbox One X xa eran coñecidas, déronse importantes detalles sobre a consola máis potente do mercado, que ofrece unha auténtica experiencia 4K (ou sexa, que os xogos funcionan de xeito nativo en ultra alta definición, algo que a PS4 Pro só fai de xeito puntual), cunha compatibilidade definitiva (non só correrá xogos de Xbox One e aproveitará a retrocompatibilidade de Xbox 360, senón que nos vindeiros meses tamén incorporarán compatibilidade cos xogos da primeira Xbox dentro da familia Xbox One) e cun detalle realmente sorprendente: é a Xbox máis compacta até o momento (30 x 24 x 6 centímetros).
O prezo, aínda que elevado, pode considerarse unha boa nova, xa que o 7 de novembro sairá á venda a nivel global, cun prezo de 499 dólares nos EE.UU. que por fortuna non traducirase en 549 ou 599 euros como acontece ultimamente cos lanzamentos en territorio europeo, senón que será de 499 euros, incluíndo a consola cun disco duro de 1 TB, mando sen fíos, cable HDMI, 1 mes do servizo Xbox Game Pass e 14 días de Xbox LIVE Gold.
Se comparamos co lanzamento da PS4 Pro de Sony, temos que o prezo de saída foi de 399,99 euros, consola cun tamaño extraordinariamente voluminoso, un consumo enerxético elevado (310 watts), un reprodutor de Blu-ray limitado (non reproduce filmes en 4K), sen retrocompatiblidade con plataformas anteriores, con 8 GB de RAM e cunha potencia gráfica de 4,2 TFLOPS, mentres que a nova consola de Microsoft ten un tamaño compacto (en boa medida por incorporar un sistema de refrixeración líquida, o que é unha impresionante mellora), o seu consumo só é lixeiramente superior ao da Xbox One orixinal (pasa de 220 a 245 watts), o seu reprodutor de Blu-ray acepta películas 4K con HDR (o que podería xustificar relativamente o seu prezo), presenta retrocompatibilidade con todas as consolas anteriores de Microsoft, conta cuns xenerosos 12 GB de RAM e a súa potencial gráfica chega aos 6 TFLOPS (o que permite xogos en 4K nativos).
A Xbox One X presume de ter unha potencia un 40% superior que calquera outra consola de videoxogos, polo que non habería dúbida en que é a máis potente do mercado, e está deseñada para que practicamente todos os xogos se vexan mellor, aínda que moitos (inicialmente uns 30) contará con actualizacións de balde para mellorar os seus gráficos de cara á ultra alta definición (para o que é preciso refinar o código, incluír texturas de maior resolución...). Confían en que a meirande parte dos xogos poidan correr nesta máquina en 4K a 60 imaxes por segundo (mentres que en televisores Full HD aproveitarse a potencia adicional para amosar máis detalles, mellorando tamén a experiencia).
Pese a todos estes cambios, a Xbox One X mantense dentro da familia Xbox One, de xeito que mantén a compatibilidade cun amplo abano de hardware e software, manténdose no mesmo ecosistema de xogo, que incluso permite que moitos xogos poidan gozar de integración multiplataforma entre consolas Xbox One e equipos con Windows 10. Unha proposta moi atractiva a nivel de hardware e plataforma, que como principal carencia ten a falta de xogos exclusivos que sexan especialmente rechamantes.

Vídeo de presentación da Xbox One X

PUBLICIDADE