A Xbox One S está xa dispoñible no seu modelo con 2 TB de almacenamento

mércores, 3 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Durante a feira E3 Microsoft anunciou a súa nova consola Xbox One S, unha revisión da Xbox One que reduciría o seu tamaño, eliminaría o molesto transformador de corrente externo e melloraría as prestacións da consola, o que pode verse como unha simple actualización da consola na liña do que aconteceu na pasada xeración co modelo slim, pero que desta volta aprovéitase para facer compatible a consola con televisores 4K aos que poderá achegar tamén contidos en ultra alta definición con HDR tanto de Blu-ray como de servizos en liña (engadindo así valor á consola, xa que supliría as funcións de reprodutores que actualmente teñen prezos bastante elevados).
Pero aínda que a Xbox One S está chamada a substituír á Xbox One ordinaria, sendo o seu prezo de partida os 299 euros, esta semana chega ás tendas españolas partindo polo seu modelo superior, o de 2 TB que custa 399,99 euros, de xeito que estará limitada inicialmente aos xogadores máis esixentes, e facilitará así tamén a liquidación do inventario das Xbox One ordinarias, que presumiblemente poderán conseguirse a bo prezo nos vindeiros meses.
A nova consola chega nun modelo de cor branca, e externamente non cambia só por reducir o seu tamaño e introducir no seu interior o seu transformador de corrente, senón que tamén eliminou o porto para Kinect (accesorio que agora precisará dun adaptador adicional) e, como contraprestación, conta agora cun porto USB na súa parte frontal (facilitando o seu acceso) así como un emisor de infravermellos (para permitir que a consola poda controlar outros receptores de televisión por cable ou satélite), e incorporou Bluetooth ao seu mando sen fíos (o que facilitará que poida empregarse tamén en ordenadores con Windows 10).
Estamos ante unha revisión da consola á que dificilmente actualizarán os actuais posuidores dunha Xbox One por precisar dun televisor 4K para tirar un proveito notable das novas prestacións e por considerarse un modelo de transición, xa que para o ano que vén está previsto o lanzamento dunha nova Xbox One que irá moito máis aló un adelgazamento do seu hardware, e que dará un importante salto de potencia para, entre outras cousas, adaptarse ás elevadas esixencias dos sistemas de realidade virtual.

PUBLICIDADE