A Xbox 360 terá unha edición especial inspirada no xogo Blue Dragon

martes, 10 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Aparencia da nova versión da Xbox 360Ás consolas de videoxogos están a sacar proveito dos seus cambios estéticos para dar un pulo especial ás súas vendas, de xeito que lanzan versións en distintas cores, pero a Xbox 360 intentará coller forza no Xapón mediante o lanzamento dunha edición especial inspirada no xogo Blue Dragon.
Blue Dragon é un xogo RPG desenvolvido polo creador de Final Fantasy (Hironobu Sakaguchi) e con deseños do creador de Dragonball (Akira Toriyama) que agardan que teña moito éxito no Xapón, polo que o novo modelo de Xbox 360 incluirá unha carcasa personalizada cunha imaxe do popular xogo xunto con 5 figuriñas cos personaxes protagonistas do devandito videoxogo que será exclusivo para Xbox 360.
A Xbox 360 Blue Dragon Premium sairá á venda o 7 de decembro custará 29.800 iens (199 euros) e incluirá unha copia do xogo (aínda que tamén comercializarán unha versión sen o mesmo).

O xogo
Blue Dragon é sen dúbida o xogo máis agardado para a Xbox 360 para este Nadal, pois combina de xeito moi atinado un sistema de xogo semellante á saga de Final Fantasy cunha imaxe visual á que estamos moi afeitos, xa que os deseños saíron da man de Akira Toriyama (creador de Son Goku e o resto de personaxes de Dragonball).
As aventuras permiten a participación de ata 4 personaxes, que terán as súas propias técnicas de combate e contarán coa axuda dos dragóns gardiáns de seu, e garantirá unhas 40 horas de xogo continuado para chegar ó seu final, aínda que de descubrir tódalas posibilidades do mesmo serían precisas unhas 20 horas máis.
Aínda non se coñece a data do lanzamento europeo do xogo (nin tampouco se van dobrar os diálogos do xogo a máis falas que o inglés) pero non parece ser unha prioridade de Microsoft, que preparou este produto para mellorar a posición da Xbox 360 no Xapón.
O trailer do xogo parece moi prometedor:

PUBLICIDADE