A Xbox 360 terá unha aplicación de karaoke de pagamento por tempo de uso

martes, 20 de novembro do 2012 Marcus Fernández

De cara ao Nadal a Xbox 360 vai a estrear unha aplicación chamada Karaoke, que vai poder descargarse do Bazar de Xbox LIVE, e que ofrecerá a maior biblioteca de contidos de karaoke licenciados para televisión e Internet, The KARAOKE Channel, como unha proposta innovadora que, fronte a xogos como SingStar ou Lips, non se baseará nun reducido catálogo de temas incluídos no disco nin na compra de temas soltos, senón que as cancións chegarían á Xbox 360 a través de streaming, optando por un modelo de negocio que podería ter unha boa aceptación: o pagamento por tempo. Deste xeito, tras instalar o Karaoke para Xbox 360 poderanse adquirir bonos de 2, 6 ou 24 horas nas que acceder á librería completa de cancións que poderemos interpretar utilizando algúns dos moitos micrófonos dispoñibles para a consola de Microsoft (dende o micrófono sen fíos de Lips ata os auriculares con micrófono que utilizan moitos usuarios de xogos en liña).
Karaoke tamén será compatible con SmartGlass, de xeito que durante as festas de canto un usuario poderá valerse dun smartphone ou dun móbil para moverse polo catálogo musical da aplicación, e así ir engadindo aos seus favoritos os temas que lle interesen interpretar despois.
Polo momento descoñécese se este servizo estará dispoñible en Europa, pois a compañía propietaria de The KARAOKE Channel, Stingray Music, está baseada nos EE.UU.

En Karaoke para Xbox 360 poderemos xogar co noso avatar

PUBLICIDADE