A Xbox 360 superou en vendas ao resto de consolas domésticas no Xapón durante a pasada semana

venres, 27 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Que os xogos son imprescindibles para a venda de videoconsolas é algo indiscutible, pero o mercado empéñase en demostralo con certa frecuencia, e na última semana no Xapón aconteceu algo realmente abraiante, pois a Xbox 360, consola que tradicionalmente ten mala aceptación no mercado nipón, superou en vendas á Wii e á PlayStation 3 por unha marxe bastante ampla (25.334 unidades fronte a 16.973 e 16.149 respectivamente). ¿Qué xustifica isto? Pois o dito, un xogo: o lanzamento de Star Ocean 4: The Last Hope de Square Enix disparou as vendas da consola de Microsoft no Xapón, pois os xogos RPG teñen moi boa aceptación no mercado asiático, o que tamén se demostrou co lanzamento doutros xogos semellantes nos últimos meses.
Confírmase así que o investimento de Microsoft realizado para promover a creación de xogos RPG de marcado estilo xaponés está a recoller os seus froitos, aínda que fóra do Xapón este efecto non é tan marcado (e son xogos de acción en primeira persoa ou simuladores deportivos os que venden consolas).
Xbox LIVE tamén ten boa saúde
Aparte dos xogos, o poderío da Xbox 360 tamén está baseado na calidade da súa plataforma de xogo en liña, e aínda que con 17 millóns de usuarios o servizo de Xbox LIVE non supere aos 20 millóns de usuarios rexistrados na PlayStation Network, se falamos de ingresos económicos a través destes sistemas a cifras falan por si mesmas: Sony só acadou 180 millóns de dólares mentres que Microsoft superou os 1.000 millóns de dólares.
Xbox LIVE leva máis tempo funcionando que PlayStation Network, e o servizo de Microsoft é de pago, pero non parece que iso moleste especialmente aos usuarios, que amósanse cómodos cun servizo de pago de calidade, o que Sony non parece ser capaz de capitalizar.
Nos últimos días o Bazar de Xbox LIVE tamén está a vivir un bo momento, pois tras rachar marcas de vendas con xogos descargables coma o Super Street Fighter II Turbo HD Remix, agora teñen na expansión do Grand Theft Auto IV exclusiva para Xbox 360, Lost & Damned, un éxito sen precedentes. Sen dar cifras, dende Microsoft aseguran que este contidos descargable foi o que achegou máis cartos nas súas primeiras 24 horas, aínda que resulta lóxico que aconteza tal, pois é un xeito de incrementar a vida dun xogo cunha grande base de usuarios, que para moitos foi o título máis importante de 2008.

PUBLICIDADE