A Xbox 360 lidera as vendas nos EE.UU. grazas a Halo 3

luns, 22 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Os datos das vendas de consolas e videoxogos en setembro nos EE.UU. confirman que os xogos e non a tecnoloxía é o motor do sector, pois tras moitos meses de liderado da Nintendo Wii, a Xbox 360, con 527.000 unidades vendidas, logra superar á consola nipona (que vendeu 501.000 unidades) o que se explica claramente polo lanzamento de Halo 3, xogo do que se venderon uns 3,3 millóns de copias, seguido por Wii Play con 282.000 e a nova entrega de Zelda con 224.000.
De feito, Halo 3 vendeu máis do dobre de copias que tódolos demais xogos dos 10 máis vendidos, converténdose no consolidador da consola de Microsoft, que xa se gañou así o respecto do afeccionados ós videoxogos de todo o mundo.
Nas consolas portátiles tamén continúa a tendencia actual, e a Nintendo DS case dobra en vendas á PSP de Sony, mentres que no salón a PS3 tamén ten serios problemas para situarse, con só 119.000 consolas vendidas, mentres que a vella PS2 se resiste a pasarlle o relevo con 215.000 unidades vendidas.
Os datos publicados polo NDP Group cifran o movemento da industria dos videoxogos en 9.370 millóns de dólares, o que faría que en 2007 se superase nun 47% os resultados do exercicio anterior e se rachase con tódalas marcas anteriores.

PUBLICIDADE