A Xbox 360 estrea un xogo de balde patrocinado por Doritos

mércores, 17 de decembro do 2008 Marcus Fernández

O Bazar de Xbox LIVE incorpora hoxe o xogo Dash of Destruction que entra dentro da categoría Arcade e que sorprende por ser de balde, o que se consegue grazas ao patrocinio da marca de aperitivos Doritos.
O xogo ocupa só 60 Mbytes e resulta tan sinxelo coma divertido, permitíndonos dous modos de xogo diferentes: dinosauro ou camión. Se eliximos manexar a un Tyrannosaurus Rex deberemos perseguir aos camións de Doritos que se moven por unha cidade á vez que arrasamos todo o que está ao noso paso, mentres que se optamos por tomar o control dun camión de reparto de Doritos debemos pasar por certos puntos de control antes de que o dinosauro nos devore.

Os usuarios que teñan disco duro ou unha unidade de memoria de 512 Mbytes poderán descargar este xogo gratuíto ideado por Mike Borland de Sewickley (Pennsylvania, EE.UU.) para un concurso organizado por Doritos, de xeito que sería unha obra que se incorporaría á crecente familia dos advergames ou xogos financiados por publicidade, que de seguro que os consumidores reciben cos brazos abertos.

PUBLICIDADE