A Xbox 360 baixa de prezo en EE.UU. e Xapón

xoves, 4 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Despois de que a Xbox 360 chegase a esgotarse nas tendas niponas, Microsoft anunciou unha forte rebaixa da consola, que na versión básica (a Arcade) queda en só 19.800 iens (uns 120 euros) polo que queda moi por debaixo do prezo actual da Nintendo Wii (25.000 iens) o que podería axudar a manter as fortes vendas da consola, que parece comezar a mellorar a súa fortuna no mercado asiático, en boa medida por facerse con títulos dentro do xénero RPG (de tanto éxito en Xapón).
Pero a cousa non queda aí, e a rebaixa nipona resultou ser o prólogo da rebaixa da Xbox 360 no mercado norteamericano, polo que dende mañá mesmo a consola de Microsoft custará 199 dólares no modelo Arcade (299 dólares no Pro e 399 no Elite) polo que agora tamén será máis barata que a Wii nos EE.UU. de xeito que se confirma como a consola máis económica da nova xeración (en Europa xa pasaba tal dende o mes de marzo).
Lembremos que a Xbox 360 está case empatada en vendas coa Wii nos EE.UU., país no que dobra en vendas á PS3, polo que dende Microsoft deberían estar moi satisfeitos polos resultados acadados, xa que moitos agardaban que a consola de Sony fose a que gañase a guerra da nova xeración, e polo momento está na cola. Amais, tamén está o feito de que Microsoft non perde cartos ao vender as súas consolas, mentres que as carísimas PS3 continúan a venderse por debaixo do prezo de custe. Así, Microsoft pode seguir animando o mercado con prezos á baixa. Agardemos que a Europa chegue pronto unha nova rebaixa da Xbox 360, que de seguir os pasos de EE.UU. e Xapón debería ser duns 50 euros (pasando a custar 149 euros o modelo Arcade) aínda que non parece que iso vaia acontecer moi cedo (pois aquí a consola xa é a máis económica da nova xeración dende hai medio ano).
O xefe de produto da Xbox 360 ilustrou a situación trala rebaixa da consola asegurando que «sobre o 75% de todas as vendas de consolas estiveron historicamente por debaixo dos 200 dólares» e lembrou o detalle de que cando a PlayStation 2 chegou aos 199 dólares tiña vendido 10 millóns de unidades (e xa superou os 140 millóns en total) polo que a Xbox 360 iría por bo camiño (superou os 20 millóns de unidades vendidas) e podería converterse nunha das poucas consolas en superar os 100 millóns de unidades.

PUBLICIDADE