A Xbox 360 Arcade substitúe ó Core System nos EE.UU.

martes, 23 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Microsoft lanzou onte ó mercado norteamericano un novo paquete de comercialización da súa consola Xbox 360 que por 279,99 dólares inclúe a consola, 5 xogos para todo a familia, saída de alta definición (HDMI), un mando sen fíos, e unha memoria Flash de 256 Mb para almacenar información dos xogos e outros contidos.
Este novo paquete substitúe ó modelo básico da consola (coñecido coma Core System) e engade así bastante atractivo á consola de videoxogos de Microsoft. A Xbox 360 Arcade inclúe os xogos Pac-Man Championship Edition, Uno, Luxor 2, Boom Boom Rocket e Feeding Frenzy, que xunto con mando sen fíos fai que os usuarios que se inicien na experiencia da Xbox 360 con este paquete poidan ter moito máis do habitual no modelo máis económico da consola, que chegará a España o vindeiro venres.
Coa Xbox 360 Arcade a compañía de Redmond pretende achegarse ó lecer familiar, para o que tamén anuncia que contarán con novos contidos descargables dende a Rede, que incluirán a personaxes coma Bugs Bunny e o Pato Lucas, así como 3 novas series de Nickleodeon que engordarán a colección de máis de 300 episodios televisivos en Xbox LIVE.

PUBLICIDADE