A Wikipedia e Google tamén concorren nos Príncipe de Asturias

luns, 9 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Se hai uns días falabamos nesta mesma web da presenza de Linus Torvalds (unha vez máis) nas listaxes de candidatos para os Premios Príncipe de Asturias, agora toca facelo de dúas nomeadas máis procendentes directamente do eido tecnolóxico e, máis polo miúdo, do eido tecnolóxico máis popular: Google e Wikipedia. O buscador e máis a enciclopedia en liña, que concorren até este mércores (data para o fallo do premio) na modalidade de Comunicación e Humanidades, figuran nas roldas previas por motivos semellantes e, tamén, diversos: coinciden na súa vontade de achegármonos algo útil ós internautas (Google ordena en certa medida o coñecemento da Rede e fai procuras por nós, e a Wikipedia cumpre na Rede o papel de enciclopedia rápida, accesible, multilingüe e libre), pero difiren nos seus obxectivos, xa que Google é ante todo unha empresa privada.
Por certo que dentro da listaxe de candidatos (un total de 24) na devandita categoría tamén atopamos a David Attenborough, o coñecido investigador e presentador da BBC, e a Daniel Cohn-Bendit, un dos actores principais das revoltas de Maio do 68. Tamén figuran entre os nomeados a axencia Magnum Photos, creada a mediados do século XX por Robert Capa e, a día de hoxe, un dos medios informativos de maior recoñecemento a nivel mundial.
Volvendo a Google e Wikipedia (que na nosa terra ten face propia, a Galipedia, un espazo cen por cen activo de coñecemento activo que xa superou os 36.000 artigos a día de hoxe), dicir que as razóns por telas proposto para os ditos premios teñen relación co directa co feito de que o primeiro sexa o buscador en liña máis popular (sendo así unha importante porta de entrada a Internet) e que a segunda (que ten edicións en máis de 253 linguas) constitúa na Rede o máis semellante que existe a unha escolma total do coñecemento humano, accesible dende calquera recanto do mundo e aberta á participación da xente.

PUBLICIDADE