A Wii volver a revolucionar os videoxogos con Let’s Tap

luns, 13 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Yuji Naka, un dos responsables dos xogos de Sonic, anunciou que estaba a preparar o xogo Let’s Tap para a Wii baixo a premisa de que ata os pingüíns poderían xogar a este título, pois fai un uso inédito do mando da Wii, xa que este se coloca sobre unha caixa que temos que golpear a xeito de palmada coas nosas mans para que detecte a vibración que controle os minixogos que forman este título.
Rumoreábase que o xogo ía ser de balde, pero finalmente parece que se venderá no Xapón a partir de decembro por 5.040 iens (uns 30,24 euros) descoñecéndose polo momento as condicións nas que chegará ao resto do mundo.
Let’s Tap está composto por 5 mini-xogos (Tap Runner, Rhythm Tap, Silent Blocks, Bubble Voyager e Visualizer) que detectan a frecuencia e intensidade dos golpiños que deamos á caixa incluída co xogo sobre a que situamos o mando da Wii. Deste xeito podemos mover unha figura pola pantalla con lixeiros golpes, mentres que se incrementamos a intensidade dos toques veremos como salta evitando os atrancos que atope no camiño (o que será a dinámica de xogo de Tap Runner). Os outros xogos aproveitarán esta curiosa innovación para permitirnos marcar o ritmo das cancións, xogar a unha versión do Jenga, esquivar obstáculos… toda unha chea de accións sumamente de describir, pero que quedan moi claras ao ver a alguén xogar aos mesmos, pois son moi intuitivas, e conservan os elementos chave de certos xogos da Wii aptos para xogar en familia.


Anuncio xaponés do Let’s Tap no que se pode ver cómo funciona este orixinal xogo

PUBLICIDADE