A WWDC celebrarase a partir do 7 de xuño

martes, 30 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A conferencia para desenvolvedores de Apple deste ano (WWDC21) vén de anunciarse con datas entre o 7 e o 11 de xuño, deixando claro que unha vez máis será un evento totalmente dixital, o que permitirá que os anuncios, as sesións e os obradoiros sexan totalmente de balde, facilitando que os creadores de aplicacións poidan ter un primeiro contacto ás últimas tecnoloxías, ferramentas e plataformas de Apple, para que poidan facer realidade aplicacións e xogos innovadores no futuro.
Cómpre lembrar que esta cita é habitual que se dean a coñecer as novidades relativas a macOS, iOS, iPadOS, watchOS e tvOS, e non un escaparate para a presentación de novo hardware para consumidores finais, ou sexa, que a convocatoria para este congreso non afecta ao calendario de lanzamentos de hardware e, de feito, hai moitas informacións apuntando a que en abril teremos novos produtos da compañía da mazá, sendo o máis esperado a renovación do iPad Pro, posiblemente incorporando unha pantalla con tecnoloxía miniLED, e que sería un produto que podería beneficiarse das novidades de iPadOS que anunciarían na WWDC (aínda que non serían realidade até despois do verán, como aconteceu nos últimos anos).

PUBLICIDADE