A Universidade de Vigo crea un sistema de gravación automatizada de clases

mércores, 9 de outubro do 2013 Redacción

Vicente Goyanes, Salustiano Mato, Domingo Docampo e Emilio Fernández xunto ao Galicaster

O martes 8 de outubro levábase a cabo na Universidade de Vigo a presentación dun sistema pioneiro de gravación automatizada de clases. Situado ao abeiro do Campus Dixital do Mar, este novo mecanismo permite aos docentes a filmación das súas clases cun mínimo investimento e empregando o software libre. E indo ao miolo da estrea, dicir que esta se realizou tras un ano en fase piloto que, con tres aulas equipadas e a participación de 20 profesores, tivo como resultado a gravación de 400 clases e máis de 60.000 descargas.
Domingo Docampo -delegado do reitor para o Campus Dixital do Mar- foi un dos profesores que empregaron o sistema na súa fase piloto e explicou que, programando os horarios das clases con anterioridade, o sistema comeza a gravar automaticamente con só prender o micrófono, polo que se converte nun “sistema natural que non interfire na clase”. Entre as características desta ferramenta, o ex-reitor salientou que se trata dunha tecnoloxía feita integramente en Vigo e que axudará a espallar o Campus do Mar entre toda a comunidade universitaria e noutras institucións académicas.
Alén disto, Docampo explicou que Vigo forma parte do consorcio internacional Opencast-Matterhorn (OC-MH), xunto con outras 12 universidades de EE.UU., Canadá e Europa, sendo a de Vigo referencia internacional dentro do mundo de fala castelá e portuguesa. De feito, en Vigo desenvolveuse unha mellora da ferramenta de gravación, denominada Galicaster, que está sendo empregada xa en Ecuador, Uruguai, Cidade do Cabo ou Manchester. En canto a España, o sistema vigués está presente na Politécnica de Valencia, na Universidade de Málaga e, axiña, na de Girona.
E que vantaxes ten este dispositivo? Amais das encamiñadas ao profesorado (creación de recursos docentes, discusións e dinamización da docencia), tamén supón unha mellora para o alumnado, podendo empregar as filmacións a modo de apuntamentos audiovisuais para preparar os exames, podendo acceder remotamente ás clases (no caso de enfermidade, estudantes internacionais...).
Informar que tras a fase piloto, o proxecto bota a andar con 10 aulas equipadas con pantalla, micrófonos e cámaras que comezan a gravación en canto o docente acende o seu micro; dúas delas estarán en Pontevedra, dúas en Ourense e outras seis en Vigo. Os docentes serán os responsables de decidir se as súas materias se ofrecen en aberto ou tan só para os seus alumnos, e a elas poderase acceder a través da web TV do Campus do Mar e tamén de FaiTIC e da súa canle de Youtube.

PUBLICIDADE