A Universidade de Vigo aposta pola cidade como futura sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións

xoves, 15 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Manuel Fernández Iglesias, profesor da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación

A cidade de Vigo segue a dar mostras de querer afianzarse a nivel estatal como o eixe básico da actividade innovadora arredor das novas tecnoloxías da telecomunicación. Así nolo conta estes días a súa Universidade, que partindo da base dos estreitos vínculos da urbe galega coa Sociedade do Coñecemento, traballa xa na promoción de Vigo e do seu tecido produtivo como alternativa idónea para dar acubillo á sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións, organismo do que dependerá a xestión do espectro radioeléctrico e, en consecuencia, a dispoñibilidade de canles que posibiliten un fluxo axeitado da información, establecer comunicacións telefónicas ou retransmitir todo tipo de contidos.
Esta defensa da opción viguesa e da experiencia e competencia das súas empresas e dos seus profesionais veu da man de Manuel Xosé Fernández Iglesias (profesor da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación), quen asegurou os días pasados que o pulo da I+D no eido das novas canles da información non hai que procuralo lonxe da nosa terra: está nela mesma. Ao seu xuízo, se finalmente se consegue a sede da Axencia, estariamos sen dúbida perante “un acontecemento histórico para Galicia”.
A Axencia Estatal de Radiocuminacións é un organismo da administración xeral do Estado que ten como función principal xestionar o dominio público radioeléctrico para que teña o maior retorno posible para a cidadanía. A explicación detalla do investigador é a seguinte: “Cando empregamos calquera aparello de telecomunicación, dende un teléfono móbil ata unha televisión, estamos enviando sinais por radio, e esa canle que nós empregamos ninguén máis a pode empregar” subliña, co obxectivo de desvelar a importancia da gran finalidade da axencia: a planificación, xestión e administración, así como a tramitación e outorgamento dos títulos habilitantes para o uso do espectro.
A axencia, a maiores, estará en disposición de decidir que servizos de telecomunicación se van dar fronte a outros, o que influirá nos seus prezos, calidade, etc. No caso galego, un emprazamento na nosa terra podería achegar máis e mellor información sobre a nosa realidade, o que repercutiría en servizos de telecomunicacións máis axeitados para unha sociedade, a galega, que aínda está pendente dun afianzamento fondo dos mesmos. Ao seu xuízo, Vigo é a alternativa máis sólida en parte porque ten a Universidade, o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, a Escola Naval Militar de Marín e en boa medida porque está ben comunicada, sobre todo con Madrid e Lisboa: “Estamos nun dos principais portos do mundo, en breve inaugurase a Cidade Tecnolóxica... e organismos como a Axencia Espacial Europea ou a Unesco avalaron xa o importante papel de Vigo no eido das telecomunicacións”, explica Fernández Iglesias.

PUBLICIDADE