A UVigo ultima os seus sistemas LitterDrone para a loitar contra o lixo mariño

venres, 11 de xaneiro do 2019 Redacción

O proxecto LitterDrone, posto en marcha en 2017 pola Universidade de Vigo (Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual, GPI-RV) e liderado polo investigador Fernando Martín, vén de culminar unha fase relevante do seu desenvolvemento: a relativa ao sistema de procesamento das imaxes xeradas por drons. Como lembraremos, o obxectivo da iniciativa é “unir o coñecemento do persoal investigador, as empresas e a sociedade” para facer seguimento dos refugallos no mar con drons e tecnoloxías avanzadas para a análise das imaxes obtidas. Os días pasados, varias praias das Illas Cíes serviron como escenario para a realización (con éxito) das probas. En breve o grupos de investigadores implicados darán conta dos resultados finais do seu traballo.
O proxecto, na que tamén xogan un papel relevante o grupo I-markt (Ecobas) da Universidade de Vigo, a empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas, funciona do seguinte xeito: aplicando as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para conseguir imaxes que logo procesaranse para a detección de posíbeis residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras. Isto permitirá localizar o lixo e axilizar o traballo do persoal encargado da limpeza.
Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da Universidade de Vigo, explica que a parte principal do proxecto era desenvolver un software que procese as imaxes de dron para atopar e clasificar residuos mariños. Segundo fai saber, “esta parte foi todo un éxito, e contamos cun programa que aproveita as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para obter imaxes e procesalas para detectar posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras”. Isto, di, permite “saber onde hai lixo e de que tipo para axudar ao persoal encargado da limpeza”.
A idea deste proxecto, impulsado ao abeiro da convocatoria europea BlueLabs, nace do plan de seguimento do Ministerio para facer seguimento dunha serie de praias de todas as provincias costeiras, dúas delas en Pontevedra: Rodas e A Lanzada. Esta campaña de control realizábase de xeito tradicional, inspeccionando as praias e, coa proposta de Litterdrone preténdese achegar as novas tecnoloxías para a localización e identificación do lixo. O proxecto desenvolveuse durante dous anos cun orzamento de total de 392.657€, do que a Unión Europea achegou 312.998€.

PUBLICIDADE