A UVigo subirá chanzos en dixitalización co apoio do Banco Santander

venres, 17 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo vén de recibir un importante pulo para os seus plans de innovación e establecemento de máis e mellores canles entre a comunidade de estudantes, por unha banda, e o tecido produtivo, pola outra. O impulso veu da man do Banco Santander, que acordou destinar 1,4 millóns de euros á UVigo para “accións de educación, de emprendemento, de empregabilidade e de dixitalización”. Así o fixeron saber na formalización do acordo entre as dúas entidades o reitor Manuel Reigosa e o director territorial en Galicia do Santander, Víctor Menéndez.
O acordo rubricado este xoves 16, que renova a colaboración que desde o ano 2004 manteñen as institucións, prolongarase por dous años, con dúas prórrogas tácitas dun ano de duración e unha achega económica global anual de 700.000 euros.
Reigosa informou que os esforzos centraranse en impulsar “bolsas e axudas que promovan unha educación inclusiva e a equidade educativa, o recoñecemento da excelencia académica de estudantes de grao e o apoio a iniciativas que impulsen a cultura emprendedora”, entre outros proxectos.
O convenio asinado este xoves no despacho do reitor vigués traducirase en primeiro lugar no desenvolvemento de accións de contido docente e de apoio á actividade académica. Así, dentro do eixo estratéxico de educación, aparecen contemplados os programas Santander Universidade de Vigo e bolsas e axudas á educación inclusiva e equitativa (axudas de transporte, comedor, discapacidade, etc) e os Premios de Excelencia Santander Universidade de Vigo para alumnado de grao e mestrado.
Amais, no eixo estratéxico correspondente ao emprendemento, o acordo recolle explicitamente os programas de promoción da cultura emprendedora, a innovación e a transferencia, como os Premios INCUVI, a aula Emprende e o espazo de coworking.
No eixo da empregabilidade, aparece recollido o programa Destrezas de formación en habilidades e competencias profesionais, mentres que o impulso á transformación tecnolóxica continuará materializándose con accións como o Campus Dixital Multimedia, a app universitaria ou TIUI.
Nos ámbitos da empregabilidade e a dixitalización, o reitor vigués salientou “o forte compromiso da Universidade de Vigo” coa posta en marcha de novas iniciativas de mercado e coa transferencia tecnolóxica, “que constitúen un dos nosos sinais de identidade e Santander Universidades participa en todos os nosos programas de promoción do emprendemento nas distintas etapas, así como no programa Destrezas de formación en habilidades e competencias profesionais”.
O convenio implica que prosiga a cooperación entre as dúas entidades para o desenvolvemento do proxecto Tarxeta Universitaria Intelixente e da aplicación móbil universitaria, dentro do proxecto appCRUE, co obxectivo de “mellorar a xestión administrativa e académica e con iso a calidade do servizo que se presta aos membros da comunidade universitaria”.

PUBLICIDADE