A UVigo recunca como gañadora do Torneo LEDU STEM Cátedras Telefónica
martes, 16 de maio do 2023
- Pablo García e Martín Blanco tras recibir o galardón nunha imaxe de Telefónica
Unha
vez máis a
Universidade de Vigo resultou ser a gañadora do Torneo LEDU STEM
Cátedras Telefónica, unha competición de debate académico que
este venres 12 de maio celebraba en Madrid a final da súa terceira
edición, na que competiron 19 universidades de toda España. Os
estudantes de enxeñaría Martín Blanco Prego e Pablo García
Salgado, membros da asociación Retórica UVigo, integraban o equipo
da Cátedra Telefónica Espacio de Innovación, que se impuxo ao da
Cátedra Telefónica Inteligencia en la Red, da Universidad de
Sevilla, nunha final na que debateron sobre se a dixitalización é
ou non unha aliada da transición verde.
A
Blanco e García correspondeulles defender a postura contraria a esta
pregunta no evento que tivo lugar no campus de programación da
Fundación Telefónica e no que se enfrontaron a Carlos Rangel García
e Yasmine Lakouifat Darkaou. Os dous equipos puxeron o foco, desde
diferentes perspectivas, na oportunidade que ten Europa de
converterse nun referente desa dobre transición coa que construír
unha nova economía resiliente, competitiva e sustentable, segundo
informou Telefónica.
Tras
reivindicar que “os enxeñeiros tamén teñen que saber falar”,
os estudantes da UVigo recibiron o seu trofeo de mans de Trinidad
Jiménez, directora de Estratexia Global de Asuntos Públicos de
Telefónica; Antonio Bengoa, director de Relacións Institucionais de
Telefónica España; Natalia Moreno, directora de Relacións
Institucionais Global de Telefónica, e Alfonso Rodríguez de Saida,
director executivo (CEO) da LEDU. Xunto a un trofeo, producido con
cartón sustentable por Smurfit Kappa, Blanco e García recibiron
tamén un premio económico de 6000 euros, así como o pase á fase
final da Liga Española de Debate Universitario, que na última fin
de semana de setembro enfrontará en Córdoba os 16 mellores equipos
de España.
O
Torneo LEDU-STEM logrou en 2023 un récord de participación, con 19
equipos. Nesta terceira edición, a UVigo logrou alzarse cun trofeo
que xa acadara en 2022 a Cátedra Telefónica da Universidade,
dirixida polo catedrático José Cidrás, desta volta da man dos
alumnos Santiago Janeiro e Guillermo Fernández, quen acadou ademais
a distinción ao mellor orador, que xa obtivera na primeira edición.
Nela, a UVigo lograra tamén clasificarse para a final, cun equipo
que completaba Raquel Fernández.
A
LEDU STEM está dirixida ao estudantado das universidades que
integran a Rede de Cátedras Telefónica de España, da que forman
parte 25 institucións académicas e que ten como obxectivo a análise
e identificación da situación e do impacto das tecnoloxías da
información e comunicación na sociedade.