A UVigo presenta un sistema de iluminación LED intelixente que achega datos ambientais

xoves, 23 de setembro do 2021 S. P.

Este mércores 22 celebrouse a xornada de peche do proxecto Interreg Nanoeaters, en formato en liña. Nela déronse a coñecer as solucións nanotecnolóxicas desenvolvidas ao seu abeiro para atender as necesidades das empresas galegas e do Norte de Portugal. Entre elas, o equipo da UVigo presentou un sistema de iluminación LED intelixente que permitiría “obter información ambiental da contorna” e que se ten instalado nas lámpadas do Camiño da Igualdade do Campus de Ourense.
Na xornada, Humberto Michinel, catedrático do Departamento de Física Aplicada, foi o encargado de facer balance dos traballos levados a cabo dende o dito campus: “A nosa contribución ao proxecto POCTEP Nanoeaters foi o desenvolvemento dun sistema de iluminación intelixente que permite obter información sobre variábeis medio ambientais”, sinala Michinel. O sistema habilitouse de xeito experimental en instalacións da UVigo na cidade das Burgas e foi levado a cabo en colaboración co INL de Braga e coordinado pola Axencia Galega de Innovación, GAIN.
Segundo explicou Michinel, o desafío afrontado foi o desenvolvemento “de sistemas de iluminación máis eficientes baseados en LED para Cidades Intelixentes”, empregando nanofotónica e integrando solucións IoT (Internet das Cousas). En concreto, deuse forma a unha lámpada intelixente con chip LED e sistema de comunicacións baseado en IoT que permite monitorizar variábeis medio ambientais en contornas urbanas, como a calidade do aire, e estudar efectos térmicos. Igualmente, no proxecto traballaron a incorporación destas lámpadas LED intelixentes a sistemas de eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e o control da polución luminosa. Desenvolveuse unha instalación demostrativa con 15 destas lámpadas intelixentes funcionando no Campus de Ourense, concretamente na zona de xardíns, no coñecido como Camiño da Igualdade. Na iniciativa participaron tamén as empresas galegas Gallaecia Broadcast e Energesis Home.
O proxecto Nanoeaters, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (c) 2014-2020 cun orzamento de máis de 4 millóns de euros, está liderado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia e conta coa participación do International Iberian Nanotecnology Laboratory, de Braga, Portugal; as universidades de Vigo e Santiago de Compostela; o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia-Gradiant; o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia-CTAG; a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (Aimen), e a Fundación Biomédica Galicia Sur. A súa misión é apoiar ás empresas da Eurorrexión na aplicación de solucións nanotecnóloxicas que ofrezan respostas efectivas ás debilidades detectadas na Estratexia de Especialización Intelixente da dita contorna galego-lusa.

PUBLICIDADE