A UVigo, no posto 133 do ranking de universidades máis populares en YouTube
martes, 5 de febreiro do 2019
A
Universidade de Vigo vén de proclamarse como un referente en YouTube
no ámbito docente internacional. Así
o confirmou hoxe a institución educativa galega, que foi quen de
situarse entre as 200 universidades máis populares no mundo na dita
rede social. En termos máis detallados, o
espazo audiovisual da UVigo conta con máis de 16.000
subscritores e 5,5 millóns de visualizacións, o que lle valeu para
subir até o posto 133 do 2018
Youtube University Ranking, clasificación elaborada pola
plataforma internacional UniRank, na que se agrupan máis de 13.000
universidades de todo o mundo. Na dita listaxe figuran escasas
universidades estatais.
Segundo
engade Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da
Universidade de Vigo, a importante repercusión que está a ter a
universidade galega na canle dixital pódese considerar “consecuencia
lóxica da calidade do coñecemento dispoñíbel nas diferentes
escolas e facultades e da súa transmisión en vídeo por Internet
grazas ao papel xogado por UVigoTV”.
A
andaina da Universidade de Vigo en YouTube iniciouse o 6 de agosto de
2007 e desde entón publicáronse máis de 3.700 vídeos que acadaron
xa preto de 5,5 millóns de visualizacións. As pezas subidas son
unha escolma de todas as gravacións dispoñíbeis en UVigoTV, que a
estas alturas son xa máis de 18.000. O tempo de visualizacion é de
33,5 millóns de minutos, “o que equivale a máis de 63 anos”,
engade Vicente Goyanes.
Con
respecto á procedencia xeográfica da comunidade de seareiras e
seareiros, practicamente a metade (47,1%) son españois e as demais
visualizacións proceden na súa inmensa maioría da América latina,
sobre todo de México (11,7%), Colombia (6,3%), Perú (6,3%),
Arxentina (5,5) e Chile (3,4).
Os
formatos máis comúns son as conferencias e os congresos, así como
os propios vídeos promocionais da institución. O máis popular,
con máis de 300.500 visualizacións, é unha gravación de 54
minutos sobre programación neurolingüística. Entre os máis
populares está tamén o vídeo Marca personal ¿Y tu quien eres?,
un dos obradoiros INCUVI-Emprende 2013, con 123.424 visualizacións e
un 6,9% do tempo total de visualización da canle.