A UVigo, na final do Vodafone Campus Lab

venres, 12 de abril do 2019 Redacción

Unha plataforma virtual para o ensino de rapaces con necesidades especiais, desenvolvida por cinco estudantes da Universidade de Vigo (estudantes de cuarto curso de Grao en Enxeñaría de Telecomunicacións), vén de situarse na final do certame Vodafone Campus Lab, unha iniciativa de aprendizaxe impulsada pola operadora de telecomunicacións para impulsar o talento dos universitarios á hora de crear respostas aos principais retos da responsabilidade social corporativa, entre outros desafíos.
Os equipo da UVigo (formado por Manuel Caeiro, Martín Álvarez, José Antonio Álvarez, Iván Mariño, Daniel Soneira e David Iglesias) concorreu xunto a outros 22 equipos de 17 institucións académicas españolas á primeira edición do Vodafone Campus Lab. Transcorridos seis meses desde o seu inicio, a experiencia chega á súa final, que se celebrará o vindeiro 24 de maio en Madrid, e na que o grupo da UVigo medirase aos representantes das universidades de Granada, Alacante e Autónoma de Madrid. O premi: 20.000 euros para o desenvolvemento do produto ou servizo que presentan á convocatoria e tres meses de asesoramento prestado por profesionais.
En canto ao prototipo, MediAdapt, co que concorrerán na final da Vodafone Campus Lab, Daniel Soneira explica que “propoñemos unha plataforma de contidos didácticos gamificados en realidade virtual, distribuídos por temática ou materia, nos que o alumnado teña liberdade de elección para escoller o que queira facer no momento, onde aprenda mentres xoga, sempre coas e cos docentes, dende unha postura de análise clínica”. A proposta do equipo complétase cunha pulseira con sensores que fan seguimento das reaccións do alumnado antes as dinámicas, o que, consideran, “poder ser de grande utilidade no caso de rapazas e rapaces con dificultades comunicativas”. Tamén poñen o foco nun dos puntos máis innovadores da súa iniciativa: o uso de wearables (tecnoloxías carrexábeis que se empregan como unha parte de nós) para axustar os contidos á resposta que detectan na persoa a través de sinais fisiolóxicas como o ritmo cardíaco ou a suor.

PUBLICIDADE