A UVigo lanza unha plataforma web para avanzar no seu dominio do inglés: Emilab

xoves, 6 de abril do 2017 Redacción

A Vicerreitoría de Estudantes do Campus de Vigo, en colaboración co Centro de Linguas, vén de pór e marcha unha plataforma web para impulsar o ensino de inglés. Trátase de Emilab e o seu cometido, máis en concreto, é apoiar aos docentes e aos investigadores na elaboración dos seus traballos na devandita lingua. Segundo explica aVicerreitoría, trátase dun repositorio en liña que abrangue recursos como bancos de léxico e frases académicas, linguaxe de aula, exercicios, dicionarios, titoriais de pronunciación ou cursos monográficos, entre outros moitos recursos que serán obxecto de continua actualización. Emilab, ao mesmo tempo, é unha clara aposta da UVigo a prol da internacionalización e o plurilingüismo da institución educativa.
Por certo que o devandito acubillo de recursos en liña tamén dispón dun servizo para facer consultas e solucionar dúbidas tanto relacionadas coa linguaxe de xestión da aula coma do material que se precisa para a docencia en inglés. Ou sexa, elementos como presentacións, correo electrónico, redacción de exercicios e exames, etc. A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, explicou que estas ferramentas “servirán tamén para a redacción de artigos científicos e textos institucionais en inglés e para a interacción eficaz en contornas académicas e científicas”.
A web comprende varios apartados, que van dende a organización dun texto ata a elección dos temas. Deste xeito, explica a Vicerreitoría, “os docentes teñen ao seu dispor e de xeito organizado e estruturado documentación e ferramentas para aprender a organizar un texto en inglés, para coñecer as expresións máis empregadas, para citar as fontes, para describir o método de traballo e mesmo para definir un novo termo técnico que se precisa acuñar”. A maiores e entre outras cousas, Emilab inclúe tamén información e instrumentos concretos para presentación orais dos traballos académicos e científicos, con consellos para mellorar os pósters ou os abstracts.
Entre os bloques temáticos que acubilla tamén hai un apartado específico para a docencia na aula e para axudar aos profesores a estruturar as sesións formativas e afacerse a situacións concretas dende o punto de vista de expresións e vocabulario. Tamén hai unha sección sobre textos institucionais que fornece modelos de documentos, como por exemplo cartas, acordos, convenios, resolución, solicitudes, etc. Outro apartado ofrece ferramentas prácticas como dicionarios, guías de pronuncia e de concordancias e unidades fraseolóxicas.
Os documentos e titoriais que se recollen proceden de recoñecidas institucións académicas internacionais como as Universidades de Oxford ou Manchester, Cambridge English ou a BBC.

PUBLICIDADE