A UVigo lanza unha app para ilustrar os procesos da selección natural entre os escolares

xoves, 31 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Un equipo de investigadores da Universidade de Vigo vén de desenvolver e lanzar unha aplicación móbil directamente encamiñada a botar luz sobre o funcionamento da selección natural das especies, das leis de Mendel e da influencia do hábitat sobre aquelas. Trátase de SnailRain, en palabras da UVigo un exemplo perfecto de como se pode educar en ciencia e facelo de maneira divertida e tecnolóxica.
A creación deste xogo enmárcase nun proxecto de investigación estatal liderado polo catedrático Emilio Rolán e o profesor Antonio Carvajal, ambos do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía. Rolán explica que SnailRain “amosa como unha poboación de caracois adáptase á selección natural”, mentres que o hábitat no que viven e a súa configuración xenética condicionan a probabilidade de supervivencia ante o depredador. Ese papel de depredador que trata de matar caracois é o que desenvolve o xogador, que elimina os gasterópodos co dedo a medida que estes caen da parte alta da pantalla simulando distintos hábitats.
SnailRain xorde dunha constatación: a constatación dos bos resultados educativos que acada a confluencia entre contidos educativos, tecnoloxías e espírito lúdico. O obxectivo do xogo é que o usuario experimente como a selección natural é quen de adaptar a cor das poboacións á cor do seu hábitat, “representando unha simplificación de como podería evolucionar a coloración de camuflaxe”, explican os investigadores, engadindo que no xogo os usuarios teñen que capturar caracois para alimentarse mentres estes móvense polo seu hábitat, simulando o que sería o proceso de captura dun depredador visual calquera.
Segundo engaden os seus creadores, trátase dun xogo para todas as idades, que pode ser empregado a partir dos 7 anos. Con todo, a franxa obxectivo do público ao que se busca chegar é do alumnado da ESO, complementando e ampliando os seus coñecementos sobre a evolución.
O xogo está dispoñíbel para Android pero os seus impulsores non descartan facer no futuro unha versión para iOS.
A idea de poñer en marcha iniciativas coma esta responde a “unha corrente global”, explica Rolán, destacando que o proceso atinxe a todas as facetas da nosa contorna: “Hoxe non fai falta recorrer aos discos para facerse famoso cunha canción e, do mesmo xeito, unha clase de teoría debe tratar de utilizar recursos da web e visuais”. Rolán recoñece a necesidade dos docentes de actualizarse, pero remata salientando que isto debe facerse “sen perder nunca o obxectivo prioritario de calquera labor docente: ensinar conceptos complexos da forma máis sinxela pero precisa posíbel”.

PUBLICIDADE