A UVigo intégrase na organización que impulsa o avance dos sistemas de comunicación 5G
luns, 2 de outubro do 2017
- O investigador da Universidade de Vigo, Felipe Gil
A
Universidade de Vigo xa é membro oficial da entidade internacional
que traballa nas tecnoloxías de comunicación 5G, que é a nova
xeración de banda larga sen fíos, con capacidade para meirandes
velocidades, cobertura e funcionalidades cá actual (a tecnoloxía
LTE-4G) e con potencial para ser 100 veces máis rápida. A
entidade internacional na que vén de xuntar forzas a UVigo non é
outra que a OpenAirInterface (5G software alliance for
democratising wireless innovation), unha alianza que promove
a creación de novas solucións abertas para o núcleo de rede (EPC),
a rede de acceso e os equipos de usuario para as futuras redes de
comunicación 5G.
Segundo
informa a Universidade, a súa concorrencia materialízase a través
da área Data Networks de AtlantTIC, sendo o investigador do grupo
GTI Felipe Gil a persoa que se encargará de xestionar esta
colaboración. Segundo explica, OpenAirInterface Software Alliance é
“unha organización sen ánimo de lucro que se financia con
contribucións dos socios empresariais e que busca avanzar nas
tecnoloxías de comunicación 5G”. Para iso, engade, “a
organización está desenvolver compoñentes software que permitan
crear unha rede de comunicación 4G ou 5G empregando hardware
comercial ao alcance de calquera”. Segundo salienta Gil, “esta
organización está a dar forma ás pezas que farán posíbel que o
avance na creación dos sistemas de comunicación 5G sexa máis
rápido, xa que ao publicalas como código libre facilítase a
participación de máis entidades e investigadores, e até agora, a
maior parte da investigación só a podían facer os grandes
vendedores de equipos de telecomunicación”.
Entre
os membros desta institución está Eurecom, centro de investigación
francés que lanzou a iniciativa, así como empresas como Nokia (cos
seus laboratorios de investigación Bell Labs), Fujitsu, Orange,
Technicolor e TCL (propietarios das marcas Alcatel e Thomson) ou
diversas universidades e entidades de investigación como
universidades estadounidenses, francesas, inglesas, alemás, chinesas
e españolas.
A
entrada da institución viguesa nesta asociación responde á
estratexia aliñada coas novas tecnoloxías NFV (Virtualización de
funcións de Rede) e SDN (Redes Definidas por Software) aplicadas
especificamente ao novo marco tecnolóxico que abre o 5G. Así, a
Universidade de Vigo participará “nunha iniciativa punteira
mundial” que xa está achegando resultados que van cambiar os
sistemas de comunicación móbiles. Por un lado, engade, “permítenos
estar ao día das últimas novidades e, por outro, contribuír e
influír neses avances”.