A UVigo gaña o Torneo LEDU STEM Cátedras Telefónica

venres, 20 de maio do 2022 S. P.

O equipo formado por Guillermo Fernández e Santiago Janeiro, da Universidade de Vigo, alzouse este venres 20 de maio co primeiro posto da competición LEDU STEM Cátedras Telefónica, unha iniciativa de Telefónica e a Liga Española de Debate Universitario (LEDU) destinada a promover entre os estudantes STEM as habilidades transversais (soft skills) nos futuros líderes dixitais. A competición rematou a súa edición 2022 convertida na liga de debate académico con maior número de universidades participantes en España: un total de 18, o dobre que na primeira edición. Santiago. Santiago Janeiro, ademais, foi elixido o mellor orador desta edición.
A final celebrouse no auditorio do Innovation Center de Telefónica e tivo como protagonistas ás Universidades Carlos III de Madrid e a Universidade de Vigo, nun intenso debate ao redor da pregunta seguinte: “Crearemos un mundo mellor co metaverso?”
No acto interviñeron tamén Trinidad Jiménez (directora de Estratexia Global de Asuntos Públicos de Telefónica), Antonio Bengoa (director de Relacións Institucionais de Telefónica España) e Alfonso Rodríguez de Sadia (director xeral da Liga Española de Debate Universitario), que á súa vez entregaron os premios aos gañadores e ao mellor orador.
A LEDU STEM está dirixida aos estudantes das universidades que integran a Rede de Cátedras Telefónica España, cuxo obxectivo é a análise e a identificación da situación e do impacto das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na sociedade, “cunha visión 360º”.
O equipo gañador da LEDU STEM recibiu un trofeo, deseñado e producido por Smurfit Kappa, así como unha praza para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario, que enfronta aos 16 mellores equipos do territorio nacional. O premio ao equipo gañador da Liga Española de Debate Universitario é de 6.000 euros. O segundo clasificado conseguirá 3.000 e os xuíces tamén elixirán ao mellor orador da competición.

PUBLICIDADE