A UVigo e Deputación de Pontevedra lanzan unha nova convocatoria dos Premios GirlGeekPower
xoves, 9 de outubro do 2025
A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra seguen a apostar “polo fomento dos estudos científicos e tecnolóxicos entre as mulleres”. Deste compromiso abrollan os Premios GirlGeekPower, que naceron en 2020 e que buscan poñer en valor traxectorias e perfís de mozas que cursan este tipo de estudos na UVigo.
A convocatoria deste curso está aberta ata o vindeiro 16 de outubro e poden concorrer as mellores estudantes das ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura que cursan os seus estudos nos campus de Vigo e Pontevedra no curso 2025/2026. En total destinaranse 6.000 euros para dous premios e dous accésits que recoñecerán o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nas titulacións dos ámbitos STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática).
Trátase de “promocionar e incentivar os estudos STEM entre as mulleres, un eido onde hai unha infrarrepresentación feminina, pese á importancia estratéxica deste ámbito na sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións”, sinalan as dúas entidades.
Dúas modalidades
Os premios GirlGeekPower teñen dúas modalidades, unha para alumnas das ramas de Ciencias e Ciencias da Saúde e outra para as de Enxeñaría e Arquitectura. En cada unha delas outorgarase un premio de 2.000 euros e un accésit de 1.000 euros.
Poden concorrer a esta convocatoria as estudantes matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2025/2026 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo. No caso das alumnas de grao, deberán ter superado un mínimo de 60 créditos da titulación que están a cursar e todas as candidatas deben ter unha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde.
As solicitudes deben presentarse a través dun formulario en liña.
A revisión e valoración das candidatas será realizada por unha comisión que estará composta por Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade; Soledad Torres, profesora do Departamento de Teoría do sinal e comunicación; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Marta Caldas, adxunta ao Servizo de Igualdade da mesma institución.
