A UVigo e Boeing achegarán formación aeroespacial para o noso alumnado
mércores, 18 de setembro do 2019
A
Universidade
de Vigo e Boeing Research & Technology Europe asinaron hoxe un
acordo de colaboración para impulsar na nosa terra a formación
aeroespacial. A alianza abrangue iniciativas concretas e
visíbeis, como a creación dun laboratorio na Escola de Enxeñaría
Aeronáutica e do Espazo, emprazada no Campus de Ourense, ou a
realización de prácticas do alumnado deste centro na devandita
empresa aeronáutico. Tamén se porá en marcha un premio para
visualizar o talento.
O
acordo forma parte do Proxecto SkyWay, a achega de Boeing ao Civil
UAVs Initiative da Axencia Galega de Innovación (GAIN), con
financiamento da Xunta de Galicia e os fondos europeos FEDER. Na
sinatura participaron o reitor Manuel Reigosa, o conselleiro de
Economía, Francisco Conde, e o director xeral da Boing Research
Europe, José Enrique Román.
Segundo
fixeron saber, o obxectivo do acordo é “promover o desenvolvemento
de competencias profesionais no alumnado universitario; mellorar a
capacitación, ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou
habilidades dos membros da comunidade universitaria ou outros
profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa, fomentar a
formación continua, a innovación e a investigación”.
O
convenio contempla cinco liñas de actuación. A primeira delas é a
dotación de material para a creación nos vindeiros meses dun
laboratorio destinado ao estudo de actividades aeroespaciais que se
denominaría Boeing-Lab e que estaría localizado nas instalacións
da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Este material
incluiría elementos como tecnoloxías de cómputo, software de
investigación e análise, simuladores de tráfico e/ou voo, etc.
Ademais, a colaboración abrangue a organización de xornadas de
difusión conxuntas centradas na tecnoloxía aeroespacial; promover o
Premio Boeing ao mellor expediente académico nos diferentes títulos
da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; a oferta de
prácticas na empresa para o alumnado deste centro e a proposta por
parte de Boeing de liñas de actividade relativas a traballos fin de
grao, mestrado ou doutoramento. Para estas accións, Boeing achegará
en 2019 e 2020 un total de 50.000 euros.
Proxecto
SkyWay
Segundo
se explicou no acto de hoxe, a iniciativa abrolla directamente de
SkyWay, que colleu pulo en 2018, cando a firma Boeing, a través do
seu Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía (Boeing Research &
Technology-Europe), resultou adxudicataria do proxecto lanzado pola
Xunta de Galicia baixo a fórmula de compra pública pre comercial
para abordar a xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos
compartidos dentro do marco do polo galego de innovación
aeroespacial Civil UAVs Initiative. “O principal obxectivo deste
proxecto é o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que
permitan avances nos retos operativos e de seguridade que implica o
despregue de sistemas non tripulados en espazos aéreos compartidos”,
explicouse hoxe, engadindo que a posta en marcha de SkyWay inclúe
unha serie de actividades clave no marco socio-económico para
Galicia.