A UVigo desenvolve de xeito virtual as actividades de captación do novo alumnado

venres, 15 de maio do 2020 S. P.

As Xornadas de Orientación Universitaria (XOU) da Universidade de Vigo celébranse este ano de xeito virtual, ante a imposibilidade de seguir as liñas marcadas nas anteriores edicións e as limitacións actuais á actividade presencial. A actividade, desenvolvida baixo o nome de #ConectaCoaUVigo, comezou este mércores pola tarde cun encontro virtual co alumnado de Bacharelato ou ciclos superiores de FP. A vicerreitora de Captación de Alumnado, Natalia Caparrini, foi a encargada de inaugurar a xornada que, segundo lembrou, contaba con máis de 700 inscritos no mes de marzo cando se agardaba celebrar de modo presencial e que na modalidade en liña tamén encheu a capacidade da sala virtual.
Trala cita inaugural do 13 de maio, ao día seguinte continuaron as actividades de captación de alumnado coa Xornada de Portas Abertas Virtual, unha actividade cuxo obxectivo foi resolver as dúbidas concretas sobre os graos impartidos na Universidade de Vigo. Para iso, profesorado das diferentes titulacións de todos os campus responderon ao longo do día a todas as cuestións propostas polos estudantes para definir o seu futuro académico. A través de Campus Remoto as sesións dividíronse por ámbito de coñecemento.
Ademais destas actividades cos futuros estudantes, a campaña #ConectaCoaUVigo complétase con outras dúas accións. Por unha banda, púxose en marcha unha iniciativa centrada nos equipos de orientación dos institutos, que consiste nun espazo virtual en Faitic, un punto de encontro na rede onde compartir inquedanzas, consultar a información e novidades sobre a oferta formativa e o proceso de preinscrición e matrícula da Universidade de Vigo, e, pola outra, habilitouse un vídeo-chat para que todas as consultas que se están a recibir no Servizo de Información ao Estudante por parte de alumnado, equipos de orientación de colexios e institutos e incluso nais e pais, “sexan máis próximas e doadas”.

PUBLICIDADE