A UVigo convida a reinterpretar a Xela Arias con todo tipo de formatos e contidos

luns, 19 de abril do 2021 S. P.

Proseguen (e proseguirán) as celebracións arredor da cultura galega e a poeta sarriá Xela Arias, homenaxeada este ano no Día das Letras. Boa parte das celebracións, en parte polo decorrer natural da cultura nas novas ferramentas dixitais, en parte polos condicionantes dos tempos sanitarios que vivimos (que incrementan a necesidade de organizar citas distanciadas e seguras), terán lugar nas redes e apostando polos novos formatos. Un exemplo é a primeira edición do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas: Xela Arias 2021, impulsado pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.
Aberto á participación de todo o alumnado da Universidade, este certame busca promover o desenvolvemento de “produtos culturais e tecnolóxicos de diversa índole”, desde ilustracións, cómic ou infografías, ata contidos audiovisuais ou traballos artísticos de calquera disciplina, que tomen como punto de partida a obra da escritora, tradutora e docente á que se rende homenaxe neste 2021.
Con esta iniciativa a Vicerreitoría buscou achegar uns galardóns que convidasen ao alumnado a “reler a obra de Xela Arias, sobre todo a poética” e dar forma con “esas sensacións e pensamentos que quedan en nós tras a lectura” a creacións en múltiples disciplinas. A idea foi potenciar “novas lecturas baixo outros soportes” da obra de Arias, de aí a liberdade técnica e artística que define este certame, no que se outorgará á obra gañadora un premio económico de 300 euros.
“A pretensión fundamental é potenciar unha mirada da obra desta poetisa desde outras concepcións artísticas, códigos e soportes”, destácase na convocatoria destes galardóns, que manteñen aberto ata o 21 de maio ás 14.00 horas o prazo de presentación de traballos. O xurado valorará “a calidade artística, a creatividade, a técnica e a orixinalidade da idea presentada” e o galardón entregarse no de maio no marco dos actos que promoverá a Vicerreitoría da UVigo con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas.