A UVigo amosa un completo manual sobre o poder das TIC para favorecer unha educación inclusiva

mércores, 16 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

A profesora da Facultade de Ciencias da Educación Esther Martínez-Figueira

Quen máis quen menos sabe a estas alturas que as novas tecnoloxías da información, ben levadas, potencian o ensino e favorecen a adquisición de coñecemento, sobre todo grazas ás novas linguaxes e niveis de interacción que introducen. Porén, as TIC aínda non dixeron a súa derradeira palabra en materia de beneficios para o ensino. De feito, só vimos a punta do iceberg, unha boa parte do seu potencial docente fica aínda debaixo. Así o entende a profesora do campus de Pontevedra (Facultade de Ciencias da Educación da UVigo) Esther Martínez-Figueira, que está a coordinar un libro sobre as TIC nas aulas que tenta amosar o máximo posíbel do que até o de agora permanecía baixo a liña de flotación. Por exemplo, o seu poder de cohesión social.
A investigación da que estamos a falar titúlase TIC para a inclusión de alumnado con necesidades específicas e de apoio educativo e vén da man do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Ao seu abeiro compílanse experiencias que amosan como as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) poden axudar “a superar as limitacións e a procurar a autonomía” das persoas con necesidades educativas específicas. Segundo explica a profesora, “na escola desenvólvense determinados procesos que favorecen a inclusión e, á súa vez, outros procesos que contribúen ou poden fomentar a exclusión e a marxinación, de aí a importancia que neste volume se lle outorga ás prácticas educativas inclusivas”. Estas prácticas son, para Martínez-Figueira, “o medio máis eficaz para combater as actitudes discriminatorias”, un labor de combate que as TIC, sinala, poden desenvolver á perfección. De feito, di, están xa probados e demostrados os seus beneficios na procura dunha educación inclusiva, favorecendo a comunicación entre compañeiros e co profesorado e achegando marxe para a formación individualizada e adaptada ás características de cada quen. Ao remate de todo isto, explica, mesmo se pode loitar de cheo contra o fracaso académico e persoal.
No manual que coordina Martínez-Figueira tamén participan Manuela Raposo, Isabel Doval, Antía García, Tania Garrido, Lourdes Estévez, Ana Belén Salgado, Sheila Caride e Fernando Tellado. Segundo fan saber os responsábeis da obra, o seu obxectivo foi fornecer “un punto de referencia para o uso activo das TIC no ámbito do ensino”, dirixido tanto a persoal docente como ao alumnado, así como aos familiares de persoas con necesidades especiais de apoio educativo.

PUBLICIDADE