A UVigo, á fronte dun proxecto europeo para transformar edificios empregando robótica avanzada

xoves, 9 de outubro do 2025 S. P.

Transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada, automatización e dixitalización é o obxectivo da nova iniciativa que teñen entre mans o equipo da Universidade de Vigo Aerolab, que lidera un novo proxecto europeo durante os vindeiros catro anos, no que traballará para transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada, automatización e dixitalización.
Trátase de Robotic, automated and digital solutions for improving building renovation and new construction efficiency (Radiance), o proxecto ten unha duración de catro anos, arrancando o pasado mes de setembro e prolongándose ata finais de agosto de 2029. Está financiado ao 100%, con 3.999.189,25 euros, polo programa Horizonte Europa, da UE, correspondendo 550.000 euros á UVigo e conta coa participación de 14 entidades públicas e privadas de oito países. Está coordinado polo grupo Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab) da Universidade de Vigo, pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O coordinador de Radiance, o profesor da UVigo Higinio González, subliña que “este proxecto supón un fito para Aerolab, para o Ifcae e para o campus de Ourense porque é a primeira vez ha historia do noso campus no que se lidera un proxecto europeo no ámbito da robótica”, indica.
O consorcio de Radiance está formado por 14 entidades de Alemaña, España, Finlandia, Francia, Noruega, Polonia, Portugal e Suíza. Participan as universidades de: Vigo, Minho, Gustave Eiffel e ETH Zürich; os centros de investigación e tecnoloxía Tecnalia, VTT, Sintef, Łukasiewicz-PIT e Fraunhofer); as grandes empresas do sector da construción Misturas e Skanska e as pemes Contactica, Probot e IMC.
O equipo da UVigo fai fincapé na importancia deste proxecto pois explica que segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, os edificios da UE son responsables do 42% do consumo enerxético e do 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro, principalmente derivadas da construción, uso, renovación e demolición. Se non se aplican medidas de mitigación, sinalan, “esta porcentaxe podería duplicarse nos vindeiros 20 anos, por mor das ineficiencias dos métodos construtivos actuais e do crecemento urbano”.
O equipo de Aerolab explica que a industria global da construción está a cambiar cara a prácticas máis sostibles en resposta a crecentes preocupacións ambientais e a regulacións máis estritas. Neste contexto, desde Radiance sinalan que a robótica e as solucións automatizadas desempeñan un papel fundamental para cubrir estas necesidades, amais de resolver ineficiencias e baixa produtividade.
Con este proxecto búscase “transformar a construción e a rehabilitación mediante a integración de robótica avanzada, automatización e dixitalización, establecendo un novo estándar de fluxos de traballo que melloren a seguridade, eficiencia e sostibilidade, á vez que reduzan custos, erros, tempos e impactos ambientais en toda Europa”.
Radiance proponse varias metas: achegar novas solucións robóticas para a renovación de fachadas (automatización do fluxo de inspección e diagnóstico, incluíndo a avaliación enerxética); o desenvolvemento dunha plataforma de dron sobreactuado para inspección, diagnóstico e reparación, unha sonda NDE multipropósito para a avaliación de estruturas de formigón; un robot cableado para reparar fendas e ancorar paneis illantes en fachadas e un dron para limpeza, aplicación de capa base (morteiro) e de capa de acabado (pintura), entre outras achegas.
As solucións propostas serán validadas en tres escenarios do proxecto, como son a renovación de edificios; a interacción humano-robot e seguridade e a optimización da construción. Os resultado probaranse en catro contornas reais situadas en Noruega, Polonia e España que abranguen diferentes tipoloxías de edificios europeos en canto a materiais (formigón, cachotería, madeira e xeso) e usos (residencial e centros de investigación).