A USC traballará nun observatorio para pescudar nos medios dixitais e loitar contra a desinformación

venres, 7 de maio do 2021 S. P.

Procurando información na Biblioteca de Medicina da USC/ Imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago informou esta semana da súa participación nun observatorio para investigar os medios dixitais e realizar seguimentos exhaustivo da desinformación. Este novo centro de monitoraxe, coordinado pola Universidade de Navarra, coñécese como Iberifier, e é un dos oito hubs rexionais que formarán parte do European Digital Media Observatory da Comisión Europea. O traballo da USC materializarase a través do grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, dirixido polo catedrático Xosé López. O consorcio está integrado por 23 institucións de España e Portugal para centrarse na análise dos medios dixitais.
O observatorio centrará as súas investigacións en cinco liñas de traballo. En primeiro lugar, investigará as características e tendencias do ecosistema ibérico dos medios dixitais. Asemade, desenvolverá tecnoloxías computacionais para a detección temperá da desinformación; e verificará e desmentirá a desinformación no territorio ibérico, reportando á Comisión Europea.
Amais, adicarse a achegar tamén informes estratéxicos sobre ameazas de desinformación, tanto para o seu coñecemento público como para as autoridades de España e Portugal.
Por último, traballará en iniciativas de alfabetización mediática dirixidas a xornalistas e informadores, mozos e mozas, así como á sociedade no seu conxunto.
A súa posta en marcha “supón un fito na investigación sobre os medios dixitais, pois creará un observatorio de máximo nivel, composto por máis de 70 investigadores, especializados en áreas como a comunicación dixital, as ciencias da computación e os datos, e a análise estratéxica”, sinalan dende este consorcio integrado por doce universidades, cinco organizacións de verificación e axencias de noticias, e outros seis centros de investigación interdisciplinarios.

PUBLICIDADE