A USC sorteou tres billetes InterRail entre os usuarios de Mobiguía

luns, 11 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

A aplicación Mobiguía da Universidade de Santiago, servizo que permite a consulta en todo intre da oferta formativa da institución académica, ten máis beneficios dos que pon en xogo sobre o papel (consulta dos plans e achegas de estudos, datos sobre condicións de matrícula, cronogramas, etc). Así nolo anunciou hai uns meses a propia USC e máis a firma galega Loroestudio, responsábel do desenvolvemento, que ao tempo que facían fincapé no compatíbel que é a aplicación coa inmensa maioría dos móbiles, anunciaron a convocatoria dun sorteo de InterRaís entre as/os usuarias/os deste servizo. Pois ben, resulta que xa premiados.
O sorteo dos billetes de tren para países europeos (os tarifa plana da rede ferroviaria) levouse a cabo o pasado venres entre o estudantado que descargou no seu dispositivo a nova aplicación Mobiguía.
Segundo informa a Universidade de Santiago, o primeiro premio foi para A Estrada Basílio Guijaro Arca, e o segundo e terceiro para os composteláns Víctor López García e Jorge González Cuenca, respectivamente.
Para a descarga da aplicación pode acudirse a un formulario no que introducir o número de teléfono ao que remitirase unha mensaxe de texto de balde cunha ligazón para a descarga da mencionada aplicación (para o que é preciso contar con acceso á Rede dende o terminal). Asemade, tamén se pode facer uso de Mobiguía enviando a palabra USC ao teléfono 981 090 073.
Esta aplicación, como dixemos, é compatíbel cun bo número de móbiles dos dispoñibles no mercado, e non consume tráfico de datos fóra da súa descarga inicial.

PUBLICIDADE