A USC reúne estes días a destacados profesionais da robótica para poñela ao servizo da cidadanía

luns, 3 de setembro do 2012 Raquel Noya

O Robot Kobian é o exemplo dun dispositivo que é quen de demostrar emocións

Este luns e martes (3 e 4 de setembro) celébrase en Santiago de Compostela o XIII Workshop en Axentes Físicos, un congreso que reúne a varios grupos internacionais de investigación, para traballar xuntos en torno a diferentes áreas da robótica e a súa aplicación na industria.
O evento, que organiza o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) da USC, pretende nesta edición promover e facilitar o avance no desenvolvemento dunha robótica ao servizo da cidadanía, “cada vez máis necesaria”, segundo afirman dende a entidade, “nunha sociedade cun envellecemento notorio da poboación e na que os núcleos urbanos non cesan de crecer tanto en tamaño como en densidade”.
Xa que logo, durante o congreso presentaranse distintos sistemas físicos e aplicacións robóticas destinadas a apoiar tarefas de rehabilitación, tratamento de pacientes con Alzheimer e asistencia a persoas maiores. Para iso contarase coa participación, entre outros profesionais, de Yiannis Demiris, do Imperial College de Londres, que falará da adaptación mutua entre robots e humanos aplicada a cadeiras robotizadas, ou titores de baile robóticos para nenas e nenos hospitalizados.
No congreso tamén se abordará a interacción robot-humano, coa presentación, por exemplo, de sistemas automatizados para o recoñecemento do estado de humor das persoas, de sistemas capaces de reproducir expresións faciais e mesmo dun sistema de atención que lle confire aos robots suficiente información como para iniciar unha conversa con humanos.
O workshopt servirá, asemade, para poñer enriba da mesa novas estratexias que permitan lograr robots capaces de aprender a partir das súas propias experiencias, e mesmo novas formas de desenvolver software de control para robots, que permitan o seu uso en contornas domésticas e centros de traballo automatizado.
Neste aspecto destaca a presenza de Jan Peters, da Technische Universitaet Darmstadt (Alemaña).
O evento desenvólvese entre a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e o novo laboratorio de robótica do CITIUS, onde os grupos de investigación convidados poderán mostrar algúns dos seus últimos avances na materia.

PUBLICIDADE