A USC pon a disposición da comunidade o primeiro léxico galego sobre eAdministración

mércores, 5 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Calquera persoa que empregue ou se informe da Administración Electrónica e as súas características, por forza tivo que verse algunha vez nunha encrucillada lingüística. E máis se quen emprega ou se informa da eAdministración comunícase nunha lingua diferente ao inglés. Pois ben, que pode facer un galego falante para escribir, traballar ou falar con propiedade acerca do devandito fenómeno de dixitalización, ao tempo que dá conta das equivalencias dos termos galegos cos doutras linguas? Ben, até o de agora tiñamos a posibilidade de consultar diferentes servizos de normalización lingüística, pero a verdade é que non existía un recurso concreto do que botar man e que posibilitase un emprego sistemático. Precisamente esta é unha das principais características de Termos esenciais da Administración Electrónica, da autoría de Xusto Rodríguez.
Trátase, segundo fixo saber a Universidade de Santiago no acto de presentación do recurso celebrado este mércores en San Xerome, do “primeiro léxico en galego sobre a temática da Administración Electrónica”, que inclúe definicións e clasificacións de 164 conceptos cos seus nomes en galego, catalán, castelán, inglés e francés. O léxico, editado pola USC, responde como dixemos a unha necesidade concreta: a de adaptármonos dende tódalas frontes e dende un punto de vista terminolóxico e lingüístico á realidade da eAdministración, unha realidade que se afianza si ou si e que “supón unha oportunidade de mellorar a eficiencia e calidade dos servizos das administracións públicas”. De feito, fíxose saber, trátase dun recurso de especial interese para todas as administracións galegas, dende a autonómica até as locais, pasando por suposto polas provinciais. No acto celebrado en San Xerome, os responsábeis da elaboración e publicación do recurso explicaron que están en contacto coa Secretaría de Política Lingüística da Xunta para difundir e espallar esta terminoloxía, favorecendo o seu uso como manual de consulta común.
Ademais, trátase dun léxico publicado en formatos abertos (en formato pdf e a disposición de toda a comunidade), polo que podería en calquera intre ser obxecto de actualizacións e melloras, cousa máis que pertinente se temos en conta o ritmo ao que avanza a evolución das novas tecnoloxías no ámbito público e a necesidade que temos de adquirir coñecemento sobre novos conceptos e termos. Segundo se fixo saber na presentación, non será a Universidade de Santiago que varíe ou modifique o pdf, pero si que o vai dispoñibilizar para o seu enriquecemento. Asemade, informouse de que “non é só un glosario de equivalencias, senón que contén definicións claras de cada entrada”. De xeito claro, vén a un cubrir un baleiro, se cadra non tanto de coñecemento como de procedemento, e así o entende a Universidade, que sinala que até o de agora, a parte terminolóxico-tecnolóxica do galego resolvíase de xeito non sistemático polo Servizo de Normalización Lingüística. “É importante que todos lle chamemos a unha realidade concreta, que existe e que se está a afianzar na nosa contorna, da mesma maneira”, engadiuse.
Sobre a orixe da iniciativa, cómpre lembrar que a Universidade de Santiago atópase arestora no seu propio proceso de implantación de servizos integrais de Administración Electrónica, e por isto considerou “importante” asentar dende este primeiro intre unha terminoloxía galega de referencia e difundila libremente para fomentar que outras administracións a incorporen aos novos procedementos”.
O glosario presentado en San Xerome parte da Terminoloxía oberta da Administracó Electrònica do TERMCAT (centro de terminoloxía da lingua catalá) sobre o que o Servizo de Normalización Lingüística da USC engadiu os equivalentes en galego e reelaborou as definicións para esta lingua.
No acto de presentación interviñeron os vicerreitores de Coordinación e Comunicación e de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Xosé Pereira e Carme Silva, respectivamente, ademais do responsábel do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.

PUBLICIDADE