A USC organiza un obradoiro de intelixencia artificial no que probar o robot Pioneer 3DX
martes, 8 de maio do 2012
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS)
está a organizar una actividade de difusión científico-tecnolóxica de carácter
lúdico que vai dirixida a tódolos públicos, e que terá lugar o vindeiro venres,
11 de maio, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
A xornada, que leva por título ObradoiroBOT: xogos
cun robot móbil guiado por intelixencia artificial,
desenvolverase en horario de 11:00 a 14:00 e consistirá precisamente niso, en
mostrarlle á cidadanía os avances que a entidade académica ten experimentado en
materia de intelixencia artificial.
A actividade constará de tres talleres nos que se traballará co robot móbil
Pioneer 3DX, que grazas á intelixencia artificial pode realizar actividades difíciles
de imaxinar hai uns anos para un dispositivo electrónico, como orientarse nun
espazo, medir distancias, evitar obstáculos ou aprender a partir da
experiencia.
Os talleres previstos son, Interacción
xestual co robot, Intelixencia ambiental e Aprendizaxe automática, aos que lle seguirá unha gimcana moi
peculiar na que os equipos participantes terán que mover ao robot móbil por un
circuito evitando colisións coas paredes.
O obxectivo xeral da actividade é que os asistentes poidan aprender
algunhas das bases tecnolóxicas da robótica móbil dun xeito participativo e lúdico,
a través de diferentes talleres se lles amosarán aos participantes os
fundamentos que permiten dotarlle a un robot móbil de capacidade sensorial, da
posibilidade de realizar percorridos dun xeito intelixente ou como interactuar
co robot mediante comandos visuais que guíen as súas actividades.